O obxectivo é mellorar a formación de 1.800 persoas
A Xunta financiará 88 obradoiros duais e programas de emprego xuvenil no bienio 2023-2024
Ambas as dúas iniciativas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade recibiron o visto e prace do Consello da Xunta deste xoves e permitirán a posta en marcha nos próximos dous anos dunhas 90 accións por parte dos concellos.
Dunha banda, nas próximas semanas convocaranse os obradoiros duais de emprego, aos cales se destinarán nos anos 2023 e 2024 un total de 38,9 millóns de euros, o que permitirá beneficiar máis de 1.400 persoas sen emprego. Prevese a realización duns 70 obradoiros de emprego, que poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.
Os obradoiros duais de emprego ofrécenlles ao alumnado 12 meses formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna en que se realicen. Ademais de mellorar a empregabilidade dos seus participantes, contribúen a facer actuacións de mellora das dotacións de uso público nos municipios
As alumnas e alumnos, ademais de se formaren e realizaren un traballo, poden obter un certificado de profesionalidade ao rematar a experiencia. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa da contorna durante un mínimo de tres meses, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta de Galicia e que financian os custos laborais en que poida incorrer a firma interesada.
Para accederen a estes obradoiros, priorizaranse as persoas que teñan especiais dificultades de inserción: emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras.
En canto á programación, a convocatoria primará a formación forestal e as iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago; das aldeas modelo ou das áreas declaradas reservas da biosfera. Tamén obterán máis valoración as propostas de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital e a relación do proxecto co tecido empresarial e coa posibilidades de inserción futura.
Emprego xuvenil
Doutra banda, o Consello da Xunta autorizou destinar máis de 6,4 millóns de euros a unha nova convocatoria de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil. A iniciativa, que se dirixe a persoas sen emprego con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, prevé a realización duns 18 obradoiros por parte das entidades locais en que tomen parte unhas 280 persoas.
Estes obradoiros xuvenís, ao igual que os duais, teñen por obxecto mellorar a empregabilidade das persoas participantes para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Por este motivo, combinan a formación coa realización dun traballo efectivo e cunha duración de 12 meses (cun contrato e cun salario). Tamén neste caso os proxectos poden ser promovidos por concellos de Galicia, mancomunidades de concellos e entidades públicas dependentes ou vinculadas a estes.
Entre os criterios de valoración dos proxectos, tense en conta que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital. A Xunta tamén prevé incentivos á contratación do alumnado en empresas da contorna unha vez que remate a formación. Neste caso as subvencións supoñen dar cobertura aos custos laborais derivados da contratación indefinida por conta allea durante polo menos seis meses para destinos relacionados cos contidos do programa formativo.