Primeira xuntanza da conselleira de Emprego e Igualdade coa directiva da Fundación
A Xunta estuda coa Fundación Laboral da Construción liñas de colaboración para garantir a igualdade no sector
A conselleira de Emprego e Igualdade recordou que a Xunta conta con liñas de colaboración abertas coa Fundación Laboral da Construción en Galicia en dúas áreas fundamentais desde 2009 en materia de emprego e de loita contra a violencia de xénero. Grazas a esta cooperación foi posible a contratación nos últimos anos de persoas desempregadas e a incorporación de mozos para a realización de servizos de interese xeral e social.
En canto a aplicación de políticas contra a violencia de xénero, ambas as dúas entidades abordaron o reforzo da súa alianza para a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Na xuntanza, celebrada por videoconferencia, ademais da conselleira, estivo presente a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado; e pola Fundación Laboral da Construción, o presidente do Consello Territorial de Galicia, Diego Vázquez Reino; os vicepresidentes, Javier Carreiro e Sergio López así como o xerente da Fundación en Galicia, Fernando García.
A Fundación Laboral da Construción -nacida da unión de CCOO, UXT e a CNC (Confederación Nacional da Construción)- presentou á conselleira o traballo que desenvolve a organización, que desde 1992 facilita a empresas e traballadores e traballadoras recursos para acadar un sector máis profesional, seguro, capacitado e con futuro. Precisamente a capacitación e a formación son dous eixos nos que a conselleira de Emprego e Traballo fixo especial incidencia.
Este encontro enmárcase na rolda de contactos que está a manter a titular de Emprego e Igualdade cos principais axentes sociais e económicos da Comunidade.