Terán prioridade aquelas entidades que desenvolvan proxectos singulares

A Xunta destina 8,5 millóns de euros á contratación de persoas sen emprego en entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o programa de cooperación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que promove que entidades inscritas como de iniciativa social traballen cos colectivos que contan con máis dificultades para atopar un emprego.

A Xunta destina 8,5 millóns de euros á contratación de persoas sen emprego en entidades sen ánimo de lucro

Con este programa, dotado con 8,5 millóns de euros, a Xunta estima que se poderán contratar unhas 490 persoas desempregadas en 180 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Estas axudas buscan incentivar as oportunidades laborais a través da adquisición da experiencia profesional, promovendo a inserción no sector dos servizos sociais, xerador potencial de emprego.

A Xunta valora que cada unha das entidades beneficiarias na convocatoria deste ano recibirá como media un importe de máis de 47.200 euros, 17.300 euros por persoa traballadora contratada.

Requisitos da convocatoria

As entidades que se beneficien destes apoios deben ter como principal actividade a promoción de accións específicas destinadas a axudar a colectivos que contan con máis dificultades para atopar un emprego como son, entre outros, as persoas en risco de exclusión social, con discapacidade, as mulleres ou as vítimas de violencia de xénero. Ademáis, deberán tamén garantir a contatación a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas ou doce meses a tempo parcial.

Ao igual que en convocatorias previas, darase prioridade ás entidades que desenvolvan proxectos singulares, é dicir, a aquelas que prestan servizos a outras asociacións, a colectivos con máis dunha área de actuación a nivel autonómico e as que contan con máis de 100 profesionais nos seus cadros de persoal.

O prazo de solicitude é dun mes a partir da súa publicación, este venres, no DOG.

Con este tipo de axudas, a Xunta prioriza e aplica políticas activas orientadas á atención a colectivos específicos con especiais dificultades de inserción, para contribuír ao aproveitamento, desenvolvemento e potencial económico, social e cultural da comunidade e favorecer a creación de emprego mediante a prestación de servizos de interese xeral e social.

De modo similar, a Xunta ten en marcha este ano outros plans específicos para promocionar o emprego entre as mulleres, a mocidade e as persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

 

A Xunta destina 8,5 millóns de euros á contratación de persoas sen emprego en entidades sen ánimo de lucro