A Xunta destina 46 millóns de euros
Máis dun cento de obradoiros de emprego formarán a 2.000 persoas desocupadas entre 2024 e 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica dúas novas convocatorias da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade por un importe global próximo aos 46 millóns de euros no período 2024-2025, para a celebración de máis dun cento de obradoiros e programas de emprego dos que se poderán beneficiar máis de 2.000 persoas sen traballo.
En concreto, destinaranse 39,1 millóns de euros á realización de 91 obradoiros duais, que prevé beneficiar unhas 1.820 persoas, e 6,6 millóns dedicados a 15 programas de emprego dirixidos a menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.
Con estas accións búscase mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade.
Obradoiros duais
Os obradoiros duais, con data prevista de inicio o 1 de xullo de 2024, poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.
Nesta nova convocatoria, ofreceranse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna, coa previsión de chegar a un 3% máis de beneficiarios. O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade.
A convocatoria porá o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago, nas aldeas modelo ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera.
Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 22 de marzo.
Formación e emprego dirixidos a persoas mozas
Trátase de programas públicos mixtos de emprego-formación, que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas -menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil- mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social.
Coma no caso anterior, poden ser promovidos por concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades
A duración dos programas, combinando a formación coa realización dun traballo remunerado, será de 12 meses e primaranse os proxectos relacionados coas TIC, coa economía dixital, co tecido empresarial e coa posibilidade de inserción.
Neste caso, as entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 25 de marzo.