A compañía presentou concurso de acredores
A Xunta crea un grupo de traballo con sindicatos e comité de empresa de Poligal
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago unha xuntanza co comité de empresa de Poligal, compañía que vén de presentar concurso de acredores.
Francisco Conde trasladoulle aos traballadores da empresa o apoio da Xunta, comprometéndose a seguir velando polo cumprimento dos seus dereitos. Neste senso, acordaron crear un grupo de traballo técnico no que participen a Xunta, o comité de empresa e os sindicatos.
Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, a Administración autonómica asegura que, como autoridade laboral, mantén un diálogo permanente cos traballadores e a empresa, téndose posto en contacto tanto cos representantes sindicais como coa dirección da compañía para coñecer en todo momento en que punto se atopa o proceso.
Conde transmitiulle aos empregados que a Xunta seguirá polo miúdo a decisión do Xulgado, despois de que a empresa presentara o concurso de acredores, e intermediará no que sexa preciso no ámbito das súas competencias.
Poligal é unha compañía que conta cunha planta en Narón que se dedica á fabricación de plástico para a industria alimentaria e a laminación que conta cun plantel que supera os cen traballadores. Segundo a dirección da empresa, a fábrica naronesa presenta problemas estruturais "graves" que a levaron a tomar a decisión de cese de actividade. A compañía refírese á actual coxuntura do mercado, con subas dos prezos das materias primas e un exceso de capacidade instalada.