Haberá tamén preto de 600 prazas de promoción interna
A Xunta convocará oposicións para cubrir preto de 300 prazas de emprego público
A Xunta convocará nas vindeiras semanas oposicións para cubrir preto de 300 prazas de emprego público na Administración Autonómica.
En concreto convocaranse 134 prazas no ámbito dos servizos, con 117 prazas na especialidade de limpeza e cociña, e 17 na escala técnica de mantemento de servizos; e 121 prazas no ámbito ambiental e dos recursos naturais e forestais. Ademais, haberá 15 prazas para a escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos; 12 prazas para a escala técnica de análise de laboratorio; e outras 9 para a escala técnica de delineantes.
Todas estas prazas son de acceso libre e poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo, estable e de calidade na Administración autonómica.
Promoción interna
Por outra banda, o Goberno galego tamén vai convocar preto de 600 prazas para a promoción interna, polas que empregados públicos poderán ascender de categoría a través destes exames.
En concreto convocaranse 30 prazas para o Corpo superior (A1), 185 para o Corpo de xestión (A2), 240 para o Corpo administrativo (C1), e 130 prazas para o Corpo auxiliar (C2).
Ás prazas de promoción interna só poderá acceder o persoal empregado público que xa ten unha praza fixa na Administración e quere opositar para acadar un ascenso ou promoción profesional.