Convocatorias de acceso libre
A Xunta convocará de maneira inmediata 15 oposicións para cubrir 847 prazas
A Xunta de Galicia publicará no Diario Oficial de Galicia, no prazo máximo dun mes, ata 15 convocatorias de oposicións para cubrir un total de 847 prazas de emprego público na Administración galega.
O director xeral da Función Pública, José María Barreiro, anunciou a posta en marcha duns procesos para o acceso á Xunta de Galicia “sen precedentes nas últimas décadas”. Neste sentido, recalcou que a totalidade dos procesos que se convocan serán de acceso libre -coa reserva obrigatoria de prazas para a promoción interna que establece a lei-, polo que se poderá presentar calquera persoa que cumpra os requisitos da convocatoria, e o sistema de cobertura será a través de concurso-oposición.
Barreiro detallou en rolda de prensa cales serán as oposicións máis relevantes. En primeiro lugar, a Xunta de Galicia convocará 305 prazas para auxiliares de clínica, con obxecto de reforzar principalmente os centros de política social, atención a maiores, ou dependentes. O requisito para poder participar nesta convocatoria será a titulación de Formación Profesional habilitante para exercer esta profesión sanitaria.
A Consellería de Facenda tamén convocará 269 prazas para reforzar o servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais. Neste eido, a Xunta realizará convocatorias para tres categorías distintas: 102 prazas de condutor, 92 de bombeiro-forestal e 75 de emisoristas-vixiantes. A titulación requirida para poder participar nestas oposicións será o título de ESO ou equivalente.
En terceiro lugar, a Xunta de Galicia convocará de xeito inmediato 208 prazas de persoal subalterno, é dicir, empregados públicos que traballan nas consellerías da Xunta, en centros educativos ou tamén en centros do ámbito dos servizos sociais. Na práctica totalidade das prazas non se precisará titulación específica para poder participar.
Ademais, convócanse 54 prazas para o ámbito da seguridade e saúde no traballo, a través de sete oposicións en distintas especialidades. E, finalmente, haberá outras 11 prazas para dúas escalas de alta cualificación: sete prazas nas escalas de estatística e outras catro na escala de letrados da Xunta, responsables da defensa xurídica da Comunidade Autónoma.
Desde que se publique a convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para que as persoas inscritas poidan anotarse e preparar as probas e para que a Administración galega poida organizar os dispositivos necesarios.
Barreiro avanzou que a Xunta mantén o compromiso de aprobar neste primeiro trimestre do ano a Oferta de Emprego Público para 2019, e avanzou que nos vindeiros meses seguiranse convocando novas oposicións para o acceso á Administración galega.