Incluirá iniciativas de formación e capacitación
A Xunta colabora coa Fundación Santa María la Real para mellorar as oportunidades de emprego de persoas vulnerables
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou este martes no acto de presentación do proxecto Hubs de activación para o emprego, no que a Xunta e a Fundación Iberdrola colaboran coa Fundación Santa María la Real.
O convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e a Fundación Santa María la Real por valor de 56.477€ permitirá desenvolver o programa ao longo de 2024, e prevese que continúe en anualidades vindeiras ata 2027.
O programa, dirixido a desempregados con dificultades de acceso ao mercado de traballo, en risco de exclusión e en situación de especial vulnerabilidade, desenvolverase no Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago de Compostela e comezará no mes de marzo.
O obxectivo deste proxecto é incrementar o nivel de empregabilidade das persoas participantes a través dun adestramento práctico e intensivo en competencias transversais, demandadas polo mercado, incluídas as competencias verdes.
Cos hubs trátase de impulsar, indicou Fernández, o empoderamento colectivo e individual, ofrecendo acompañamento ao emprego, activación e formación de carácter presencial ou dixital ás persoas que máis o necesitan. O secretario xeral sinalou que tamén se busca fomentar modelos de colaboración público-privados para loitar contra o desemprego e a exclusión social.
Con esta iniciativa a Xunta aspira poder axudar a máis de 200 persoas mediante a realización de sesións de traballo durante sete meses con expertos en emprego verde sustentable, mercado e tendencias laborais.