Xuntanza conselleiro-Cegasal
A Xunta aumenta un 18% as axudas aos centros especiais de emprego
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago unha xuntanza con representantes da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal), para avanzar na inclusión laboral das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Conde salientou que este ano o orzamento destinado a apoiar os centros especiais de emprego crece nun 18% con respecto a 2016 ata chegar aos 12,2 millóns de euros. Lembrou que a Xunta traballa cos centros especiais de emprego impulsando a súa posta en marcha e mantemento das súas instalacións e axudándolles a afrontar os custes salariais dos seus traballadores.
Conde indicou tamén que o programa de axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego está mellorado en Galicia, duplicando as axudas que concede o Estado. Galicia concede 2.400 euros por traballador contratado fronte aos 1.200 euros que establece a normativa estatal.
Así mesmo, indicou que a Xunta primará este ano a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao emprego como son as persoas con discapacidade.
O Goberno galego conta, así mesmo, con axudas específicas para incentivar a contratación por conta allea dos colectivos con maiores dificultades de inserción como son os apoios para a integración laboral na empresa ordinaria e o de emprego con incentivos por cada contratación.
Conde indicou tamén a importancia da colaboración entre as administracións e as entidades representantes do eido da discapacidade para loitar contra a discriminación laboral. Neste senso, sinalou que Cegasal, que aglutina na actualidade a 17 empresas de diversos sectores e emprega a preto de 900 traballadores, é unha entidade de referencia na defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro como son os centros especiais de emprego.
“Na Xunta traballamos polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento das persoas en situación de vulnerabilidade reforzando as súas capacidades e habilidades e ofrecéndolles novas oportunidades laborais”, engadiu. Na actualidade, os centros especiais de emprego de Galicia empregan a preto de 2.300 traballadores.
Por último, explicou que a Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, reforza o ámbito da discapacidade con medidas específicas para apoiar a integración laboral e calidade no traballo das persoas con discapacidade e/pu en risco de exclusión social.