Como funcionarios interinos ou persoal laboral temporal
A Xunta abrirá 30 listas de emprego temporal para traballar na Administración galega
A Xunta abre o 1 de marzo o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega.
Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.
O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 de marzo ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG). Este ano, por primeira vez, establécese que as solicitudes de inclusión nas listas de contratación temporal da Administración autonómica presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta. En todo caso, de forma opcional, permitirase a presentación presencial das solicitudes.
Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en institutos politécnicos, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou como veterinarios.
O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 30. Delas, 17 listas son para traballar como funcionario interino e outras 13 para traballar como contratado laboral. Entre as listas abertas están as de veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, titulado/a superior médico/a, enfermeiro/a, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, auxiliar de enfermería ou xefe/a de cociña.
No caso das listas que permanezan pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, sempre poden presentar a solicitude de inclusión.
O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde na que figurarán as persoas inscritas dependerá dos méritos que reúnan, de acordo co baremo que figura na convocatoria.
O feito de estar inscrito nas listas de emprego temporal da Xunta de Galicia para realizar substitucións temporais é unha forma de acadar méritos á hora de participar nun proceso selectivo e, polo tanto, incrementa as posibilidades de lograr un posto de traballo fixo na Administración.
Actualización de méritos
Ao mesmo tempo, o DOG tamén publica a actualización provisional de méritos das persoas integrantes das listas de emprego da Administración galega. Os interesados teñen un prazo de dez días hábiles para presentar reclamacións e achegar a documentación xustificativa, no caso de non estar de acordo coa puntuación asignada.
Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas, así como as puntuacións das persoas integrantes das listas consecuencia da actualización de méritos, poden consultarse no portal web de Función Pública da Xunta de Galicia , no apartado de ‘Listas de contratación’, que conta ademais cun epígrafe de preguntas frecuentes (FAQ) que responde ás dúbidas máis habituais que se lles presentan ás persoas interesadas en realizar este proceso.