A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación impulsa o seu grao e mestrados

UVigo e atlanTTic promoven as titulacións relacionadas coas telecomunicacións

Co lema "Máis preto que nunca do teu futuro", a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, en colaboración co centro de investigación atlanTTic, impulsa os seus estudos nun momento crucial para as telecomunicacións como axentes chave na transformación da sociedade. 
UVigo e atlanTTic promoven as titulacións relacionadas coas telecomunicacións
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

A crise do covid-19 reflicte como nunca o fixera antes a necesidade de telecos para facilitar o teletraballo; a educación telemática nas etapas de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e universitaria; nos protocolos sanitarios e seguimento da pandemia, no contacto social das persoas e mesmo no ocio que demandaron millóns de persoas en todo o mundo, durante as semanas de confinamento.

Segundo datos do IvieLab (Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas), sobre a base de enquisas do INE, a incidencia do teletraballo en España pasou do 5 ao 34%; e o uso do móbil medrou un 50% e o de datos un 25%, segundo o operador Telefónica. A mensaxería instantánea multiplicouse por cinco, e o 90 por cento do alumnado español ten recibido clases online tras a suspensión das clases presenciais.

atlanTTic
Neste ano 2020 celébrase o centenario dos estudos de enxeñaría de Telecomunicación en España, sendo a Escola da Universidade de Vigo a terceira en crearse en España despois das escolas das universidades politécnicas de Madrid e Cataluña. Nestes momentos, a escola ocupa o cuarto posto no ranking de Shanghái entre as universidades da península ibérica no ámbito das telecomunicacións. A continua creación de talento por parte de Escola derivou na posa en marcha de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación de referencia en Europa que desenvolve unha constante actividade científica e na que participan máis de 160 profesionais. AtlanTTic dirixe e colabora, nestes intres, en varios proxectos do programa Horizonte 2020, da Unión Europea. A súa actividade científica enmárcase no ámbito da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas.

A Escola imparte o grao de Enxeñaría de Telecomunicación, que oferta 130 prazas para novos estudantes con estudos en castelán/galego e 20 prazas para o grupo en inglés. A estrutura do grao e Enxeñaría de Telecomunicación permite catro posibles perfís profesionais, orientados en catro mencións que ocupan o terceiro e cuarto curso: sistemas electrónicos, sistemas de telecomunicación, son e imaxe, e telemática. O 96% dos estudantes titulados nesta Escola logran un posto de traballo.

Ademais, a Escola oferta catro mestrados: Enxeñaría de Telecomunicación, Ciberseguridade (en colaboración coa Universidade de A Coruña), Matemáticas Industriais (con varias facultades) e o novo mestrado en Visión por Computador (coas Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Porto). Tamén conta co programa internacional de doutoramento DocTic, promovido pola Escola de Enxeñería de de Telecomunicación e atlanTTic, co obxectivo de xerar investigación de calidade e impacto internacional.

UVigo e atlanTTic promoven as titulacións relacionadas coas telecomunicacións