Á Inspección de Traballo reclámalle que actúe ante os incumprimentos das empresas públicas e privadas
UGT-Galicia insta ás administracións a que garantan as medidas de protección e seguridade dos traballadores
UGT-Galicia entende que a Delegación do Goberno dispón de información dos Plans estatais e as garantías de dotación de material sanitario, entre o que se inclúen os medios necesarios de prevención e protección da saúde axeitados ao nivel risco, máscaras, luvas, gafas de protección adecuadas, ou Equipos de Protección Individual (EPI)..." Precísase resolver a carencia actual de xeito imperioso nos centros públicos e nas empresas privadas que prestan servizos declarados esenciais, pasouse nalgúns casos de cuestionarse a necesidade de medidas de protección a recoñecer que son precisas pero non están dispoñibles e xerar alarma coa incerteza e ansiedade polo seu desabastecemento", salienta o sindicato.
Inspección de Traballo
Ademais, UGT-Galicia tamén se dirixe ao Director territorial da Inspección de Traballo en Galicia para que poña todos os medios para vixiar o cumprimento por parte das empresas e administracións da instrución do día 16 de marzo relativa á vixilancia da saúde, na actual conxuntura do Covid-19, naqueles servizos considerados esenciais, e que polo tanto teñen que seguir funcionando, e naquelas actividades que aínda sen ser esenciais permanecen operativas. Neste senso, o sindicato insta á Inspección a que, "de observar o incumprimento das medidas de seguridade e protección da saúde no caso das empresas que aínda estando operativas non presten servizos esenciais estas sexan pechadas". De xeito especial, no caso dos servizos esenciais, a Inspección deberá actuar requirindo que se modifiquen os incumprimentos.
Demandas á Administración galega
E finalmente á Xunta de Galicia, UGT-Galicia demándalle que no seu ámbito competencial instaure un plan de continxencias e poña enriba da mesa "todos os esforzos ao seu alcance para garantir as medidas de protección que o actual contexto esixe no eido laboral e, dun xeito especial, no caso dos que están facendo fronte a esta pandemia, para que poidan soportar o esforzo extraordinario que se lles encomenda, e que se dispoña dos recursos adicionais precisos de infraestruturas, materiais e humanos".