Segunda comunidade con peores cifras
UGT alerta do incremento dos accidentes laborais graves en Galicia
De xaneiro a marzo de 2018 producíronse en Galicia 117 accidentes laborais graves, unha cifra que sitúa a nosa Comunidade como a segunda co peor dato, tras Andalucía.
Segundo datos que recolle UGT-Galicia, no primeiro trimestre de 2018 un total de 6.649 persoas foron vítimas dun accidente laboral en Galicia, isto supuxo un incremento dun 3,53% en relación aos datos rexistrados hai un ano neste mesmo período. Deste total, 8 accidentes foron mortais, 117 graves e 6.524 tiveron a consideración de leves.
Neste contexto, o sindicato fai fincapé no forte incremento dos sinistros graves, que pasaron de 88 no primeiro trimestre de 2017 aos 117 deste ano. Isto supón un aumento dun 33%. Unha cifra moi preocupante que sitúa a Galicia como a segunda comunidade no relativo aos accidentes graves, só superada por Andalucía, e moi afastada de comunidades como Cantabria, con sete; o País Vasco, con 36; Aragón, con 19; Asturias, con 18; ou La Rioja, con sete.
Para UGT resulta moi significativo que só a provincia de A Coruña, con 45 sinistros graves nun só trimestre, rexistre máis accidentes que comunidades autónomas como Euskadi, Aragón ou Castela-A Mancha.
Unha análise por provincias indica que a sinistralidade medrou en todas, na Coruña, nun 2,62%; en Lugo, nun 4,57%; en Ourense, nun 6,95%; e en Pontevedra, nun 3,33%. Pero destaca o que sucedeu en Lugo onde, ademais de rexistrarse un forte incremento da sinistralidade en termos xerais, no caso da mortal pásase de non ter accidentes no primeiro trimestre de 2017 aos catro deste ano.
Por actividades económicas, destaca a industria manufactureira con 1.951 accidentes con baixa laboral; seguida do comercio, venda e reparación de vehículos a motor, con 923 sinistros; a construción, con 815 accidentes; e as actividades sanitarias e de servizos sociais, que acumulan un total de 565 accidentes con baixa laboral no primeiro trimestre de 2018.
Cun periodo máis amplo de análise (de abril de 2017 a marzo de 2018), Galicia segue a saír mal parada: é a terceira comunidade do Estado en números absolutos en canto a accidentes graves (459) e a cuarta no relativo aos mortais (43).
O sindicato fai unha análise comparativa mediante o estudo do índice de incidencia (número de accidentes de traballo por cada 100.000 traballadores coas continxencias profesionais cubertas), que permite relacionar o número de accidentes co número de traballadores afiliados, obsérvase que Galicia é a segunda comunidade do Estado con maior índice de incidencia de accidentes graves (56,7) -duplicando a media estatal-, só superada por Estremadura (61,9) e tamén a segunda con maior índice de incidencia de accidentes mortais (5,3), só superada por Cantabria (7,4).
Ademais, UGT-Galicia que Galicia, xunto con Estremadura e a Comunidade Valenciana, son as únicas que no devandito período ven medrar o seu índice de incidencia total, respecto ao período anterior. No caso galego, increméntase nun 2,7%, fronte ao descenso no conxunto de España do 3,2%.
O sindicato denuncia falta de vontade
UGT-Galicia leva tempo advertindo da gran lacra que supón para o mercado laboral galego os índices que presenta de sinistralidade. "Unha barreira salvable e, cando menos, a curto prazo mellorable. Hai lexislación, hai medidas e medios que se poden implementar, o que falta é vontade por parte dos empresarios e das Administracións para poñerlle fin xa a esta lacra", afirma nun comunicado.
O sindicato a reafírmase na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades. Para lograr este obxectivo propón derrogar as normas que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde; reverter a reforma do marco xurídico das mutuas; intensificar as políticas activas en materia de prevención, e reforzar os mecanismos de control do cumprimento da lexislación en materia de igualdade nas empresas e de loita contra a fraude laboral e a economía mergullada.