Do 6 ao 10 de febreiro
"Tecnolóxicas Week" fomentará as vocacións tecnolóxicas entre as rapazas pontevedresas
Na semana do 6 ao 10 de febreiro –ás portas do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, sábado 11– programaranse 10 eventos paralelos en distintos concellos, representando todas as comarcas pontevedresas.
Na presentación de "Tecnolóxicas Week"; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que o proxecto naceu, a proposta de Asime, “da imperiosa necesidade de incorporar mulleres á tecnoloxía, xa que o presente e futuro de toda actividade humana están vencellados a este sector e hai unha enorme demanda de talento que as empresas non son capaces de cubrir”. A presidenta provincial puxo en valor a importancia de que ”este programa estea vinculado directamente coa empresa, xa que debemos tomar conciencia da importancia de atraer talento feminino”, e de que “toque todos os apartados fundamentais para rachar coa infrarrepresentación das mulleres, algo que nos preocupa moito e do que somos moi conscientes”. Por iso, avanzou a presidenta, esta iniciativa “terá continuidade”.
Silva insistiu en que “non hai tempo que perder” na loita contra a fenda de xénero no sector, lembrando que “o número de mulleres que se matriculan en carreiras STEAM está diminuíndo e os empregos están en cifras de entre o 15 e o 20%”, polo que “todas as alarmas teñen que erguerse” para reverter esta situación. “Se non a cambiamos, as mulleres perderán a posibilidade de participar activamente no desenvolvemento socioeconómico e a sociedade perderá a metade do talento”, asegurou a presidenta provincial.
Carmela Silva fixo tamén un chamamento ás nenas para que sexan conscientes de que “as novas tecnoloxías non serven só para construír pontes ou barcos, senón para as políticas sanitarias, a intelixencia artificial, proxectos respectuosos co medio ambiente... A tecnoloxía vai ser todo e temos que sumalas”, ao que ofreceu un dato esclarecedor: incorporar mulleres en empregos dixitais tería un beneficio de ata 16 billóns de euros anuais para o PIB da Unión Europea.
O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, asegurou pola súa banda que “nunca houbo tanta escaseza de profesionais cualificados no sector industrial. Actualmente a industria do metal e a súas tecnoloxías asociadas precisa cubrir 1.500 postos de forma inmediata e 800 a medio prazo, pero vivimos unha situación anómala no mercado laboral na que non conseguirmos cubrilos”. Esta situación, asegurou, “agudízase máis se cabe en perfís femininos para certos postos”, e con programas como Tecnolóxicas “pretendemos achegar a realidade industrial ás persoas máis novas para fomentar as súas vocacións temperás no ámbito técnico-tecnolóxico e animalas a optar por unha saída estable, de futuro e ben remunerada como a que ofrecen as profesións industriais”.
Ademais, o programa contribúe a mudar “a imaxe errónea que aínda existe ás veces sobre a industria, como se foran traballos perigosos, fríos ou sucios, cando a realidade actual no sector é ben distinta”, afirmou Mallón, “á vez que damos visibilidade ao excelente traballo que realizan mulleres en diversos postos como tecnólogas e que poden servir de inspiración e referente próximo para as novas xeracións”.
Visitas e empresas industriais, ‘workshops’ e conversas con tecnólogas
As actividades da “Tecnolóxicas Week” –visitas escolares a empresas industriais, charlas temáticas, coloquios con mulleres tecnólogas e ‘workshops’ para nenas e nenos– pretenden amosar á mocidade a realidade da industria para que coñezan os traballos que poden desenvolver, paliar a falta de persoal cualificado no sector e incorporar máis perfís de mulleres en postos técnicos e tecnolóxicos. Así mesmo, búscase achegar á xente nova referentes de mulleres tecnólogas da súa propia contorna, co obxectivo de amosar que as mulleres tamén poden desenvolver estes postos e incentivar así as vocacións temperás das nenas de cara a escoller carreiras profesionais técnico-tecnolóxicas. As persoas interesadas en asistir a diversas actividades poden inscribirse nos formularios dispoñibles no sitio web de Tecnolóxicas.
O calendario comeza o luns 6 de febreiro nas comarcas do Baixo Miño e A Paradanta. En Tui organízanse visitas do alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP ás empresas Utingal S.L, Antobal S.L. e Pipeworks S.L., e na Cañiza unha charla con tecnólogas referentes para alumnado da ESO e FP no auditorio da Casa da Cultura de 11:00 a 12:00 h. Intervirán Sabela Vázquez, usuaria do programa Tecnolóxicas polo que se incorporou cun contrato á empresa Itera Técnica, e Lorena Rosende, CEO desta empresa e divulgadora.
O martes 7 de febreiro as actividades terán lugar no Condado e en Tabeirós-Terra de Montes. En Ponteareas, alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP visitará as empresas Talleres Ganomagoga S.L.U. e Panelship S.L., e na Estrada, nenas e nenos de 8 e 9 anos participarán nun ‘workshop’ no que aprenderán a programar informaticamente de forma lúdica (sala Mome de 17:00 a 18:00 horas).
O mércores 8 de febreiro o programa estará nas comarcas de Pontevedra e Deza, desenvolveranse unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra impartida por Belén Pérez, CISO (Chief Information Security Officer) de Nueva Pescanova e Coordinadora do CCI in Galicia (Industrial Cybersecurity Center), e en Silleda organízanse visitas de alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP ás empresas Industrias Guerra e Sotega Noroeste S.L.
O xoves 9 de febreiro a “Tecnolóxicas Week” visita O Morrazo e O Salnés. En Cangas, Eliana Pardo (Business Development Manager de RIA 21) imparte unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no Salón de Actos do Concello de Cangas. No Grove, a Casa do Concello acolle de 17:00 a 18:00 h o workshop de programación informática para nenos e nenas de 8 e 9 anos.
As actividades rematan o venres 10 de febreiro nas comarcas de Ulla-Umia e Vigo. Alumnado de Valga de 3º e 4º de ESO ou FP visitará a empresa Extrusionados Galicia, e a sede de Vigo da Deputación acollerá como evento de peche unha mesa coloquio con mulleres tecnólogas. Participan Amparo Alonso, catedrática e investigadora en Intelixencia Artificial da Universidade de Coruña, Lorena Rosende, CEO de Itera Técnica, Marta Fernández, Project Manager de Gestamp e Icíar Balza, do Grupo Gonvarri Industries. O evento comezará ás 11:00 h.