Para loitar contra a precariedade laboral e recuperar dereitos
Os sindicatos mobilizan á clase traballadora no Primeiro de Maio
Os principais sindicatos fan un chamamento á mobilización este Primeiro de Maio para reforzar a loita contra a precariedade e a desigualdade laboral e recuperar dereitos.
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia convocan varias manifestacións en Galicia baixo o lema "Primeiro as persoas", coa intención de "encher as rúas a favor do emprego de calidade" e instar á conformación dun Goberno no Estado que aborde "con urxencia" unha axenda social. Nesta xornada reivindicativa, os secretarios xerais das dúas organizacións participarán na marcha convocada na Coruña.
UGT e CCOO lembran que os beneficios do crecemento económico "só os están aproveitando uns poucos", pois as rendas do traballo non crecen ao mesmo ritmo que os beneficios empresariais. A pobreza e a desigualdade en todas as súas vertentes son "problemas reais" na nosa sociedade.
Ambos os dous sindicatos tamén reivindican un cambio de modelo produtivo cara a outro sostible e integrado co medio ambiente. Cómpre pór en marcha reformas que sirvan para transformar o tecido produtivo, potenciando un sector industrial que a penas representa o 17 % do PIB galego, e diversificando un modelo de crecemento excesivamente dependente do sector terciario e do turismo. Do contrario, auguran que o crecemento de emprego será "feble e precario", pon postos de traballo "con data de caducidade", como se puxo de relevo na última enquisa de poboación activa (EPA).
Recuperación de dereitos
Pola súa banda, a CIG chama a tomar as rúas este Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas”, para esixir ao novo goberno que se conforme logo das eleccións celebradas este domingo, un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise, porque segue a medrar a precariedade e a pobreza laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega.
A central sindical advirte das novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais que están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un incremento das discriminacións de xénero, ao que se lle suma o desmantelamento da nosa industria, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.
Manifestacións
CCOO e UGT convocan conxuntamente manifestacións nas principais cidades e vilas galegas: ás 11 horas, en Vigo, con saída da praza da Ferrería; ás 11:30 horas en Vigo, desde o cruzamento da Vía Norte con Urzáiz; ás 11:45h, en Santiago, con saída da Alameda; e ás 12 horas, na Coruña, con saída da praza da Palloza, en Ferrol, con saída da praza do Inferniño, en Ourense, desde o pavillón dos Remedios, e en Vilagarcía de Arousa, desde a praza de Ravella. En Burela só convoca UGT, ás 12:00 na praza da Mariña e en Viveiro só CCOO, desde a rúa de García Dóriga ás 11:45 horas.
As manifestacións da CIG serán ás 12 horas en Vigo (A Dobrada), Ferrol (avenida de Esteiro), Pontevedra (praza da Ferrería), Vilagarcía (Casa do Mar), A Coruña (praza de Vigo), A Estrada (praza do Mercado), Ribeira (Praza do Peixe), Cee (diante do Concello), Lugo (Edificio Sindical), e San Cibrao (Casa do Mar), En Ourense a manifestación da CIG sairá ás 11:30 horas da praza Maior e ás 12:30 horas en Santiago na praza Roxa.