Para o mércores 22
Os sindicatos convocan concentracións fronte ás sedes das patronais "en defensa da negociación colectiva"
UGT e CCOO convocan para o próximo mércores, día 22 de febreiro, concentracións fronte ás sedes das patronais nas sete cidades galegas "en defensa da negociación colectiva".
Os sindicatos lembran que o actual escenario económico vén definido polo continuo do crecemento do produto interior bruto, un 3,3 en Galicia en 2016 e uns prognósticos de aumento para 2017 do 2,4 %. CCOO e UGT entenden que esta incipiente recuperación da economía "se debe traducir nunha mellora, tamén, do poder adquisitivo dos salarios, desvalorizados tras máis de oito anos de crise".
Recordan nun comunicado que "mediado xa o mes de febreiro, aínda non foi posible consensuar coas patronais o díxito de aumento salarial para este ano, tal e como se establecía no III Acordo sobre Emprego e Negociación Colectiva". Os aumentos dos últimos meses sitúan a taxa interanual do IPC no 3 % en xaneiro, prexudicando a capacidade de compra dos fogares. Porén, a xuízo das dúas organizacións sindicais, a proposta das organizacións empresariais "fica curta, con aumentos de 'ata o 1,5 %', cifra inaceptable, pois suporía a perda de poder de compra dos traballadores e as traballadoras nun contexto de expansión da actividade e dos beneficios empresariais".
UGT e CCOO apostan por compatibilizar a mellora de competitividade empresarial coa mellora dos salarios reais: subas do 1,8 ao 3 %, con cláusula de revisión para evitar que o aumento do IPC por riba da previsión prexudique o pactado.
Ambos os dous sindicatos defenden a recuperación dos salarios, pero tamén da calidade do emprego: "nos últimos anos non deixou de medrar a precariedade; hoxe, de cada 100 contratos que se asinan, 91 son temporais e 9 indefinidos, dos cales unicamente 5 son indefinidos a tempo completo", recordan no seu comunicado.
Na xornada do mércores, os sindicalistas realizarán concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.