O 16 de marzo en Vigo e o 22 en Ourense
Segunda edición da feira EMPREGOinCAMPUS
“Trátase tanto de pór en contacto ao estudantado e ás persoas que acaban de saír das aulas con entidades externas que buscan talento universitario como tamén de axudarlles a preparar as súas candidaturas da mellor maneira posible”, salienta a directora da Área de Emprego e Emprendemento Maruxa Álvarez.
Unha das novidades desta segunda edición é a creación da caseta Pasaporte de Emprego, un espazo específico da Área de Emprego e Emprendemento na que se darán consellos sobre como mellorar o currículo, como afrontar as entrevistas… “e no que tamén contaremos cunha fotógrafa profesional para que as persoas que queira poidan facer unha foto coa que actualizar o seu CV e redes sociais profesionais”.
No campus de Vigo a feira será o próximo 16 de marzo nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e en Ciencias Xurídicas e do Traballo, e tamén participan na organización as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, “o que agardamos redunde nunha maior afluencia do alumnado e, polo tanto, nunha maior efectividade no cumprimento do obxectivo para o que se organizan estas feiras”, recalca Álvarez, quen salienta que a organización da feira conta co apoio, ademais da propia Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, do Consello Social, o Concello de Vigo e o Eures Transfronteirizo Galicia-norte de Portugal.
En Ourense a cita será no pavillón universitario o mércores 22 de marzo de 10.00 a 19.00 horas e, neste caso, cóntase tamén coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, como representante dos centros, e da Deputación de Ourense. “Aquí estamos aproveitando toda a experiencia coa que contan a Facultade de Dereito e a Escola Superior de Enxeñaría Informática na organización dos foros de emprego que xa viñan organizando desde hai anos”, explica Álvarez.
Empresas e asociacións empresariais
Entre as máis de cen entidades participantes hai representantes de todos os sectores, o que desde a organización valoran como, “fiel reflexo da diversidade de ámbitos de procedencia académica do propio alumnado participante”. Abanca, Aceites Abril, Adolfo Domínguez, Alén Space, Arias Avogados, Balidea, Bimba y Lola, Egatel, Coren, Deloitte, Viña Costeira, Zendal... son só algúns exemplos das empresas que van contar con caseta na feira.
Ademais tamén contarán con posto propio entidades como a Xunta de Galicia, a Asociación de Empresarios de Mos, Aemos; a Asociación de Alzheimer de Ourense, o Parque Tecnolóxico de Galicia, o Ministerio de Defensa, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG, ou Paradores de Turismo de España, por citar algúns exemplos.
Actividades formativas
Para estas semanas previas ás feiras, organizáronse diferentes obradoiros de mellora de CV e entrevistas laborais e desde as distintas facultades están organizando tamén un programa de conferencias complementario. Desde un obradoiro sobre como gravar un videocurriculum, ata outro no que se explica como facer unha carta de presentación e un CV, pasando por outro no que se abordan os diferentes procesos de selección (test psicotécnicos, dinámicas de grupo e entrevistas de selección).
Estas actividades formativas prolongaranse ata abril. Para o día 14 está previsto a celebración dun taller sobre Autocoñecemento: o teu proxecto profesional e outro sobre Mercado laboral: como e onde buscar emprego. Continuarán, o día 21, con outras dúas propostas formativas: Interpretación da nómina e información laboral e Buscar e atopar traballo en Europa.