Para a convocatoria 2023-2024 destinaránse preto de 40 millóns de euros
Rivo despide dúas novas promocións dos obradoiros de Celanova e Bande
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou este venres en Bande e Celanova os obradoiros duais de emprego ‘Terra de benestar’ e ‘O noso camiño’, nos que se formaron 40 persoas nas especialidades de atención sociosanitaria a dependentes, albanelería ou conservación de montes.
A Xunta de Galicia investiu máis de medio millón de euros na formación de 20 persoas desempregadas no obradoiro San Rosendo, ‘O noso camiño‘, que implicou aos concellos de Bande, Lobeira e Lobios, e no que os alumnos se especializaron en operacións auxiliares de albanelería de fábricas cubertas e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
Grazas a esta actuación, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, rehabilitáronse lavadoiros, fontes e fornos nos tres concellos e contribuiuse a revalorizar tramos do Camiño.
O obradoiro ‘Terra de benestar‘, desenvolvido pola Mancomunidade Terra de Celanova, contou coa participación de oito concellos: Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Pontedeva, Celanova, Quintela de Leirado e Verea. Os participantes, neste caso, recibiron os seus diplomas da conselleira Rivo, acompañada no acto polo delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, por rematar a formación en materia de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Estes obradoiros brindan unha vinculación real entre o alumnado e o mundo laboral, dando novas oportunidades a empresas e traballadores formados no eido dos coidados sociosanitarios, por tratarse dun mercado en crecemento no que respecta á oferta de bens e servizos dirixidos a unha poboación cada vez máis envellecida.
Para a convocatoria 2023-2024, a Xunta destinará case 40 millóns de euros na organización deste tipo de obradoiros por toda Galicia, o que permitirá beneficiar máis de 1.400 persoas sen emprego.