A Xunta destinará 38,9 millóns de euros a obradoiros duais de emprego
Rivo clausura o obradoiro dual de emprego "Terra de Mosteiros"
Grazas a un investimento de máis de medio millón de euros a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu a formación da vintena de alumnos-traballadores. O obradoiro "Terra de Mosteiros", permitiu, así, realizar actuacións nos concellos de Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadañedo e Parada do Sil. Entre outras accións, recuperáronse lavadoiros, fontes e muíños, rutas de sendeirismo e se acometeron tratamentos silvícolas en diferentes puntos.
A Xunta de Galicia está a avogar pola formación como un dos mecanismos fundamentais para dinamizar o emprego. Os obradoiros son prioritarios neste obxectivo. Poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades ou entidades públicas dependentes. Ofrecen ao alumnado 12 meses formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran. Ao remate dos obradoiros, as alumnas e alumnos poden obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa en ocupacións do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.
Inserción laboral de 1.400 desempregados
O Goberno autonómico destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais de emprego como este clausurado en Paderne de Allariz, cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas.