A renovación automática da demanda estenderase ata o 30 de setembro
Reabren as 54 oficinas de emprego de Galicia, con atención con cita previa
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou este mércores a oficna de emprego emprazada en Lugo Sur, na que traballan máis de 40 persoas. Casal destacou que as oficinas abren en plenas condicións de seguridade e co seu horario habitual, de 9,00 a 14,00 horas, sendo necesario solicitar cita previa para garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía.
O director xeral explicou, dun lado, que a Xunta, para garantir unha apertura en plenas condicións de seguridade, elaborou a través do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (Issga), unha guía de recomendacións fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, o que serviu de base para o desenvolvemento dun plan de continxencia para a reapertura.
Sobre a solicitude de citas previas, indicou que se poden pedir desde finais de xuño por calquera persoa interesada, a través do Portal de Emprego Galicia ou do servizo de atención telefónica 012. Ademais, a renovación automática da demanda continuará ata o 30 de setembro, deste xeito evitaranse desprazamentos innecesarios das persoas demandantes de emprego.
En todo caso, o director xeral salientou que a Administración autonómica seguirá a fomentar e ampliar os seus servizos non presenciais, a través do Portal de Emprego e a aplicación Mobem. Co obxectivo de facilitar á cidadanía a realización destes trámites, desenvolverase polo persoal de orientación un programa específico de titorización dixital para persoas demandantes, así como unha campaña de vídeos informativos sobre as ferramentas e servizos telemáticos.
Axudas para afectados por ERTEs
Casal, ademais, informou sobre que as axudas da Xunta de Galicia para apoiar a persoas traballadoras incluídas en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción poden solicitarse a partir do 2 de xullo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta medida á que a Administración autonómica destinará 6 millóns de euros.
Os apoios van dirixidos a ERTEs que afecten a un máximo de 300 traballadores por centro da empresa con axudas que teñen un dobre obxectivo: compensar a perda adquisitiva das persoas empregadas e darlles formación para o que se lle compensará á empresa os custos. O prazo de solicitude permanecerá aberto con carácter permanente ata o 31 de outubro de cada exercicio.
A Xunta, ademais, destina 2 millóns de euros a axudas para persoas traballadoras con 55 ou máis anos de idade que estean afectadas por EREs de extinción derivados de empresas en crise. Este programa publicouse no DOG o pasado 23 de xuño.