Os centros formativos poden solicitar as axudas ata o 10 de xuño
Publicada a convocatoria de axudas para cursos de formación para desempregados
O Diario Oficial de Galicia recolle na súa edición deste martes a convocatoria de axudas para os cursos de formación para desempregados que se imparten en centros homologados pola Administración para 2019-2020, así como as bases reguladoras deste procedemento de concorrencia competitiva posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
En total, a Xunta de Galicia destinará 36 millóns de euros co obxectivo de beneficiar a 13.500 alumnos a través de 900 cursos. En concreto, un 33% ás provincias da Coruña e Pontevedra e un 17% ás de Lugo e Ourense. Reservarase o 5% de cada unha das anteriores contías ás solicitudes de financiamento para accións formativas en competencias clave e outro 5% para especialidades formativas da familia profesional de edificación e obra civil. Ademais, haberá unha reserva equivalente, do 25%, para especialidades formativas vinculadas cos sectores do metal, do naval e da automoción, e outra reserva dun 15% das mesmas aplicacións orzamentarias para especialidades formativas de informática e comunicacións, vinculadas coas competencias dixitais.
As accións formativas empezarán en setembro deste ano, e poderán impartirse ata o 30 de setembro de 2020. Aos apoios poden acceder as entidades que sexan titulares de centros e entidades de formación acreditados e/ou inscritos pola Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral de Galicia: empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos. O prazo para presentar as solicitudes abrirase o 8 de maio e rematará o 10 de xuño.
Outorgaranse, ao igual que ata o de agora, máis puntos na baremación aos cursos relacionados coa Industria 4.0 e competencias dixitais, as especialidades con maior demanda ou maior inserción laboral e as accións relacionadas con competencias de idiomas, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas.