En Carballo
A próxima feira de emprego da Cámara coruñesa, o 30 de abril
Nesta edición da Feira de Emprego da Cámara de Comercio da Coruña participarán compañías de diferentes sectores con procesos de selección abertos como é o caso de Gefico Enterprise, Galopin Playgrounds, Genesal Energy, Iman Temporing ou Repsol, entre outras.
A xornada está deseñada para que os mozos poidan asistir tamén a obradoiros nos que se analizarán estratexias útiles para participar en procesos de selección. Por un lado, Yanira Caballero, técnica de recursos humanos en LN Consultores, dará as pautas para facer unha boa entrevista de traballo. Mentres que María Dolores Serrano, orientadora laboral do Concello de Carballo, falará sobre como traballan dende o departamento de Orientación Laboral de Carballo.
Durante toda a xornada estará dispoñible un servizo de asesoramento para aqueles mozos que soliciten información sobre a que empresa dirixirse e optimizar así a súa participación neste encontro.
Os interesados en asistir poden inscribirse, de forma gratuíta, na web da Cámara ou solicitar información chamando ao 981 21 60 72. A organización poñerá á súa disposición un servizo de autobús que trasladará ata Carballo aos interesados desde o Centro de Formación da Cámara na Coruña.
A Feira de Emprego da Cámara da Coruña enmárcase no Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE) das Cámaras de Comercio de España. É un dos instrumentos que articulan en España o Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2021-2027 do Fondo Social Europeo e forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, unha iniciativa do Ministerio de Traballo e Economía Social en coherencia coa Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo. O seu obxectivo é apoiar a redución da taxa de desemprego entre os mozos, mellorando a súa cualificación e empregabilidade e promovendo o autoemprego.