Suporá o despedimento dos 41 empregados do centro de traballo coruñés
Protesta da CIG na Coruña polo ERE en "Santander Operaciones"
A CIG desenvolveu este mércores unha concentración de protesta fronte ao Edificio Orillamar na Coruña contra o expediente de regulación de emprego da filial "Santander Operaciones" do Banco Santander, que suporá o peche do centro de traballo coruñés e o despedimento dos seus 41 traballadores.
As 41 persoas afectadas polo expediente de regulación de emprego de "Santander Operaciones" proceden dos servizos centrais do antigo Grupo Popular-Pastor, pero no marco do ERE do ano 2017, logo dunha redución de persoal de máis de 100 traballadores, o Santander externalizou o servizo pasando a integrarse na súa filial "Santander Operaciones". Xa daquela, a CIG demandou a recolocación deste persoal na rede comercial "porque non existían garantías de futuro para estes postos. A estratexia do banco parecía clara: primeiro externalizar e logo despedir. Por desgraza, o tempo deunos a razón", expresou a secretaria da sección sindical da CIG, Rosa Conde.
O ERE que vén de formular o Grupo Santander para a súa filial, continúa Conde, afecta a 118 persoas en todo o Estado e contempla o peche do centro da Coruña. "As alternativas para estes compañeiros e compañeiras son escasas, xa que non hai en Galiza outro centro de Santander Operaciones a onde trasladalos. Por iso, seguimos reclamando a súa reubicación dentro da rede do banco, tendo en conta que fan traballo bancario e que xa formaron parte do cadro de persoal da entidade".
Este peche afecta tamén ás 69 persoas que traballan para BC Gestión Hipotecaria, subcontrata do Santander que se dedica á formalización de hipotecas e que en Galiza opera desde este centro. Porén, até o momento estes traballadores descoñecen que plans ten BC para o seu futuro ou se haberá despedimentos e traslados a outras oficinas.
A este respecto, a secretaria da sección sindical da CIG criticou o recorte de persoal nunha empresa como o Banco Santander, "que declara beneficios multimillonarios, no que as prolongacións de xornada son unha práctica habitual, que contrata ETT's para suplir as carencias de traballadoras e traballadores, e que fixa uns obxectivos comerciais e unhas cargas de traballo non asumíbeis polos cadros de persoal actuais".