Permitirá a contratación de técnicos especialistas
O programa PEL-Concello Dixital impulsará a transformación dixital de 82 municipios coruñeses
A Deputación da Coruña porá en marcha un novo programa, PEL-Concello Dixital, co que petende impulsar a transformación dixital dos concellos coruñeses en 2019.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que a Deputación vén de aprobar a inclusión no Plan de Emprego Local (PEL) dunha nova liña denominada PEL-Concello Dixital, cun orzamento de 693.209 euros, que permitirá a contratación de técnicos especialistas que darán soporte in situ e acelerarán a implantación da e-administración nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
Segundo explicou Valentín González Formoso, a través desta iniciativa a Deputación da Coruña "crea emprego, axuda a mellorar a formación e cualificación do persoal da administración local e dá resposta a unha demanda existente nos concellos nun campo que está en constante evolución", cumprindo ademais as responsabilidades que a Lei de Racionalización e Sostibilidade Local (LRSAL) atribúe ás deputacións no proceso de impulsar a transformación da administración electrónica a nivel local.
Equipo multidisciplinar de expertos e plan de formación
Para a implantación do programa PEL-Concello Dixital, o servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación contará coa colaboración técnica da consultora tecnolóxica Everis, que vén de gañar a licitación pública para a coordinación do programa e que conta cunha dilatada experiencia neste ámbito, tanto no sector público coma no empresarial.
O programa suporá a contratación dun xefe de proxecto, dous coordinadores e un mínimo de 9 axentes altamente cualificados (titulados universitarios con máis de dous anos de experiencia no desenvolvemento de proxectos de formación e transformación dixital na administración).
O equipo contará con expertos en aspectos coma contratación electrónica e procedemento administrativo, xestión documental e de arquivos, protección de datos, ciberseguridade ou tecnoloxías de comunicación , que realizarán o seu traballo nos concellos da provincia, formando ao persoal municipal, asesorando e favorecendo a implantación da Administración Dixital nestes e outros ámbitos (tanto os desenvolvidos directamente pola Deputación como os xestionados pola Xunta de Galicia ou pola Administración do Estado), así como nos asociados á implantación da tramitación electrónica de expedientes TEDeC e outras plataformas integradas (SIR, Notifica. gal, sedes electrónicas municipais, plataformas autonómicas e estatais, etc.), garantindo os dereitos dos cidadáns para relacionarse por medios electrónicos coa Administración, e promovendo a transparencia.
O plan de formación que inclúe o programa pretende chegar a máis de 600 empregados públicos da provincia no prazo de un ano, a maior parte persoal administrativo, pero tamén secretarios, tesoureiros, interventores e responsables de Informática dos concellos da provincia.