Acadou un 68% de inserción laboral efectiva
Finaliza o Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre
A Asociación Área Empresarial do Tambre finalizará esta semana, o Programa Integrado de Emprego 2022/23 no que se alcanzou unha taxa de inserción laboral efectiva do 68%.
Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), contou coa participación de 100 persoas menores de 30 anos e mulleres desempregadas.
Ao longo destes meses, impartíronse máis de 500 horas de formación, abarcando cursos do catálogo do SEPE, tanto en formato presencial como a través de teleformación, e en itinerarios relacionados con almacenaxe/loxística, comercio/atención ao cliente e limpeza.
A Asociación Área Empresarial do Tambre conseguiu superar o compromiso de contratación, establecido coa Xunta de Galicia nun 45%, alcanzando o 68% de insercións laborais efectivas, mentras que un 79 % dos participantes conseguiron algún contrato laboral.
A Asociación valora o éxito alcanzado neste programa e pono como exemplo do “compromiso e colaboración de todas as persoas involucradas”, desde os participantes, ás técnicas do programa, así como as empresas contratantes e as que posibilitaron a realización de prácticas non laborais.