Ofreceu formación a 131 persoas
O Programa Integrado de Emprego de Cogami finaliza cun 74% de inserción laboral
O Programa Integrado de Emprego desenvolvido pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) chega ao seu fin tras lograr que o 74% das 131 persoas participantes acadasen a inserción laboral, producíndose a metade destas insercións en concellos de ámbito rural.
O Programa Integrado de Emprego de Cogami, que se desenvolveu nas oficinas das cidades de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, a través dun convenio entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e Cermi Galicia, atendeu a 131 persoas, 76 homes e 55 mulleres, de 38 concellos.
O programa buscou impulsar as condicións da empregabilidade das persoas con certificado de discapacidade e incapacidade laboral para profesión habitual, ademais de favorecer e mellorar as súas condicións laborais. Ademáis, leva parello un compromiso de inserción por conta allea ou propia, como mínimo, do 35 % das persoas participantes.
Neste sentido, os resultados acadados, un 74% de media, superan ese compromiso, sendo a oficina de Vigo a que acadou o maior índice de inserción, cun 90,9%, seguido da de A Coruña cun 80,8% e a de Ferrol cun 72,7%.
O proxecto iniciouse cunha entrevista personalizada para establecer a diagnose sobre a empregabilidade da persoa e trazar un itinerario profesional personalizado. A formación é unha das apostas para acadar melloras de inserción. En total, Cogami impartiu 327 horas en formación a 83 persoas, abranguendo cursos de diversas temáticas como auxiliar de almacén e manexo de carretilla, comercio, atención ao cliente, auxiliar de servizos e manipulador de alimentos.
Por outra banda, e co fin de que a persoa medre tanto persoal como profesionalmente, o programa tamén integrou accións complementarias como información, orientación e asesoramento, formación e prácticas laborais, técnicas de motivación para a busca de emprego, obradoiros para afrontar unha entrevista de traballo ou sobre competencias dixitais e manexo das TIC, ademais de intermediación laboral e prospección de empresas.