Participarán 60 persoas

O programa DepoEmprega organiza dous obradoiros para desempregados

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar dous obradoiros que terán lugar ao abeiro do programa “DepoEmprega 2016” durante o mes de marzo. Esta iniciativa está destinada a un total de 60 persoas desempregadas da provincia con diversidade funcional, mulleres vítimas da violencia machista e menores de 30 anos.

 

O programa DepoEmprega organiza dous obradoiros para desempregados

A primeira das accións leva por nome “A entrevista de traballo” e impartirase os vindeiros 14 e 15 de marzo na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo e no Salón de Actos do Edificio Administrativo da institución provincial en Pontevedra, respectivamente, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Nel, prestaráselles atención ao xeito de preparar unha entrevista, a como comportarse durante a mesma, a coñecer as preguntas que se poden realizar no seu desenvolvemento e, tamén, a elaborar as respostas axeitadas a estas. Serán obradoiros participativos, con proxección de vídeos, simulacións e debates sobre experiencias reais.

A segunda das accións, baixo o título “A marca persoal e as redes sociais na procura de emprego” terá lugar os vindeiros días 21 e 22 de marzo, en Vigo e Pontevedra respectivamente e en horario de 10:00 a 13:00 horas. Os obxectivos desta acción son a creación dun perfil ou marca persoal, dende un punto de vista proactivo e colaborativo de aprendizaxe aberta, que axudará á mellora da visibilidade destas persoas. Tamén aprenderán a manexar as redes sociais para acadar un posicionamento adecuado no mercado laboral e para realizar unha procura de emprego eficaz. O obradoiro será práctico e vivencial, traballará a través de dinámicas que axuden a interiorizar conceptos e practicar novas olladas de cara á busca e xeración de oportunidades laborais.

O programa “DepoEmprega 2016” ten por obxectivos mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego e consiste na oferta de formación para acadar certificados de profesionalidade, de prácticas en empresas e de busca de postos de traballo para aquelas persoas que xa teñen estudos e experiencia laboral, ademais dun apartado de autoemprego. A previsión de inserción laboral é dun 35% dos participantes, isto é, 21 persoas. Na edición anterior do programa acadárase unha inserción do 45% dos participantes.

O programa DepoEmprega organiza dous obradoiros para desempregados