Programa Autónomos Dixitais
Preto de 900 autónomos fórmanse en comercio electrónico
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou este luns nun webinario en Santiago de Compostela no que ofreceu información sobre esta iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade, coa que se pretende facilitar a un total de 1.125 autónomos e autónomas os coñecementos precisos para reactivar os seus negocios nun contexto onde, por mor da pandemia, moitos establecementos puideron sobrevivir á coxuntura económica grazas ao comercio en liña.
A directora xeral explicou que este programa consta dun curso de iniciación, Fundamentos para crear un proxecto e-commerce, de 50 horas de duración, e outro curso de Especialista en e-commerce, tamén de 50 horas de sesións. Ambos son cursos dixitais onde se pode recibir a formación a distancia, facilitando deste xeito o seu acceso e, tamén, a debida conciliación das persoas interesadas. Do que se trata é de ofrecer formación en comercio dixital a aqueles autónomos que vaian iniciar a súa actividade económica ou de por a súa disposición unha nova ferramenta a todos aqueles que queiran dar unha segunda oportunidade a súa situación laboral.
A segunda edición de Autónomos Dixitais foi presentada en maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con catro perfís aos que vai dirixida: mulleres; colectivo emprendedor entre persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos. Cada perfil consta dos dous cursos gratuítos en formato dixital.
“O noso obxectivo é acercar solucións e ferramentas de formación efectivas, que permitan dar unha resposta ás necesidades inmediatas, e ofrecer unha formación sen fronteiras que permita ter unha visión global do mercado”, apuntou Lado.