O 6 de xuño
Ponteareas organiza unha xornada para mellorar a empregabilidade da mocidade
Organizada polas concellarías de Formación e Emprego e Mocidade do concello pontevedrés, a xornada estará dividida en tres eixos fundamentais. A mañá comezará da man da orientadora laboral Clara Isabel León, que axudará aos asistentes a comprender o funcionamento do Servizo Público de Emprego de Galicia e como utilizalo como un aliado na procura dun emprego de calidade.
Sonia Román Hermida, consultora de Recursos Humanos en Gi Group, falará dos pasos e estratexias a seguir para contactar directamente coas empresas e presentar unha candidatura espontánea.
Finalmente, será a orientadora educativa no CIFP Valentín Paz Andrade, Betina Represas, quen achegará a súa visión sobre a formación profesional, unha alternativa que pode abrir moitas portas á nosa mocidade.
A concelleira de Formación e Emprego de Ponteareas, Vanesa Fernández, sinala que “esta é unha ocasión única para mellorar a empregabilidade e atopar novas oportunidades laborais”. Pola súa parte, o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, destacou que a xornada supón “un novo paso na aposta decidida deste Concello por facilitar o futuro das mozas e mozos”.
As inscricións están abertas e pódense realizar chamando ao 986 661 050.