En Vigo, este mércores ás 11:30 horas
O persoal de Maderas Iglesias voltará manifestarse en defensa dos postos de traballo
A marcha a pé arrincará do cruzamento da viguesa rúa Colón ás 11:30 horas e rematará diante da delegación da Xunta para reclamar a implicación do Goberno galego na busca dunha solución definitiva que permita continuar coa actividade industrial en Maderas Iglesias, en crise desde hai varios anos.
Desde o comité de empresa lembran que cada vez queda menos tempo para atopar unha saída que permita o mantemento da actividade e de todos os postos de traballo, “xa que a empresa corre o risco de desaparecer no caso de que se publique no BOE a orde de poxa dos terreos decretada polo Xulgado de Instrución número 3 do Porriño”. A débeda da compañía, que aplicou nove ERE e na actualidade ten 18 dos 148 empregados en ERTE, coas entidades bancarias ascende a 28 millóns de euros, sinalan desde o comité de empresa. Ademais, continúa sen abonarlle ao cadro de persoal a paga extra de verán e a media de marzo pendentes.
Xestións en busca de apoios aos traballadores
Esta nova protesta prodúcese días despois da manifestación que tivo lugar o pasado xoves dende as instalacións da empresa até o Concello do Porriño e celebrarase unha vez que a representación do persoal segue sen ter novas da Xunta a pesar de que os responsábeis autonómicos se comprometeran a implicarse na problemática da empresa. “Continúan sen responder ás nosas peticións para manter unha xuntanza”, critican.
Por iso están a intensificar as mobilizacións e as xestións institucionais neste sentido. De feito, vense de aprobar unha moción no Concello do Porriño de apoio á loita das traballadoras de Maderas Iglesias, mentres que para este xoves hai fixada unha reunión entre o comité e todos os alcaldes das localidades nas que viven empregados da compañía.
Ao mesmo tempo, o grupo parlamentario do BNG presentou dúas mocións instando a Xunta a implicarse na busca dunha solución, mentres que o PSOE anunciou que tamén fará xestións no mesmo sentido. “Do PP non sabemos nada”, sinalan dende o comité.