A patronal considera que causa un grave prexuízo a empresas e traballadores
Persoal das auxiliares do naval acorda continuar coa folga indefinida
As asembleas de traballadores da industria auxiliar do naval acordaron este martes en asemblea continuar adiante coa folga indefinida para esixir ás empresas que cumpran os acordos salariais.
A posibilidade de suspender o paro -que este martes cumpría a súa sexta xornada consecutiva- foi sometida a consideración do persoal, por mor do principio de acordo acadado na noite do luns entre sindicatos e empresas, que condicionaban abrir unha mesa de negociación ao levantamento da folga.
Dita proposta fíxose posíbel no marco da xuntanza á que o Consello Galego de Relacións Laborais convocou a todas as partes, tras da CIG solicitar a mediación do AGA no conflito. Desa xuntanza, Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria, valorou o paso positivo que supuxo conseguir o compromiso de que calquera acordo asinado teña carácter vinculante -é dicir, que teña un marco legal e que sexa incluído como anexo no convenio provincial do metal- e universal. Isto é, de obrigatorio cumprimento para todas as contratas de Navantia, tanto as que están agora traballando como as puideran entrar nos estaleiros no futuro.
Como contrapartida, explica Vidal, demandouse a suspensión da folga "e comezar a negociar todo de cero, incluso os salarios". "Deixamos claro que a decisión de suspender ou non a folga e asinar ese acordo tiña que ser referendada nas asembleas de traballadores", apuntaba o sindicalista.
"Dende as 05:00 horas estivemos mantendo xuntanzas co persoal para explicar en que consistía a proposta e xa puidemos comprobar que os traballadores estaban polo labor de continuar a folga, porque a súa esixencia principal é que se respecten os acordos salariais de 2001. Se resulta que nesa negociación se chega a uns acordos rebaixados -que é o que pretenden as empresas- non se corrixirá a discriminación que existe nestes momentos entre o persoal das empresas que si cumpren e os das que non", engadía Vicente Vidal.
Así as cousas, este martes ao mediodía celebrábanse sendas asembleas de persoal ás portas dos estaleiros. Na antiga Astano, arredor de 300 operarios que acudiron a asemblea apoiaron de xeito unánime seguir coa folga, mentres que en Ferrol, 131 operarios referendaron manter o paro fronte a 99 que votaron suspender a convocatoria. Deste xeito, a industria auxiliar continúa a folga e manterá piquetes informativos permanentes nas portas dos estaleiros.
Valoración da patronal
A Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF) e Aclunaga convocaron para este mércores unha rolda de prensa para dar a coñecer a súa opinión ante a decisión de continuar coa folga indefinida na industria auxiliar do sector naval. Os representantes empresariais consideran que "esta nueva postura de intransigencia causará un grave perjuicio a empresas y trabajadores. Proyectando nuevamente una imagen negativa Ferrol y su comarca".