Os sindicatos rexeitan a limitación do dereito a coller vacacións
Persoal dos centros de Política Social concéntranse en defensa dos seus dereitos
As protestas tiveron lugar este xoves ás portas dos centros dependentes da Consellaría de Política Social onde o persoal despregou cartaces denunciando unha decisión do departamento autonómico “coa que pretende limitar o dereito a coller as vacacións” recollido no V Convenio Único do Persoal Laboral da Xunta.
As organizacións sindicais consideran que con esta instrución a Administración “pretende condicionar as vacacións anuais do persoal que traballa nos centros de menores, de atención á discapacidade e de maiores”, polo que acordaron desenvolver mobilizacións para esixir a retirada do documento e na defensa duns servizos sociais públicos e de calidade. As protestas terán lugar diante dos centros de traballo no mesmo horario todos os xoves até o vindeiro 2 de xullo.
Lembran que os centros residenciais foron duramente afectados pola crise sanitaria do coronavirus pola súa especial vulnerabilidade tanto polas persoas usuarias como pola cantidade de persoal e residentes que conviven nestes espazos. “Nos centros de menores, centros de atención á discapacidade ou centros de maiores dependentes da Xunta de Galiza o persoal fixo e fai un grande esforzo para manter o servizo e parar a afección da pandemia mentres a Xunta mantén unha actitude impositiva e autoritaria arrasando cos dereitos laborais”, critican.
Así, explica, a Administración modificou unilateralmente as condicións de traballo deste persoal “coa imposición de quendas longuísimas (de até 38h consecutivas) e obrigou incluso a traslados forzosos a centros de titularidade privada xustificándoo na necesidade de achegar solución na emerxencia social e sanitaria”.
Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración salientan que deben recuperarse a negociación das condicións de traballo e os dereitos incluídos no V Convenio Colectivo Único así como tratar as condicións nas que se producen os traslados “ou incluso prepararnos e prever como van a ser as actuacións no caso dun recrudecemento da pandemia”.