Incrementa o seu orzamento nun millón de euros
O PEL-Emprende reparte axudas a 406 pemes e autónomos da Coruña
A concesión das axudas das liñas PEL-Emprende e PEL-Emprende Investimento vén publicarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e supón un importante apoio económico para que estas 406 empresas poidan adquirir aplicacións informáticas, maquinaria ou equipos de procesamento de información necesarios para o crecemento e modernización dos seus negocios; así como crear tendas en liña, implementar plans de responsabilidade social empresarial, márketing e comunicación ou accións de expansión e exportación de produtos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou o que investimento nesta liña do PEL increméntase nun millón de euros con respecto ao ano pasado "debido ao elevado número de solicitudes recibidas" e destacou "a utilidade das axudas do PEL-Emprende para consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo que proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, poidan, en poucos anos, chegar a consolidarse e incluso ser referencia no seu sector".
As axudas subvencionan ata un 80% dos investimentos e actividades das empresas, con axudas que van dos 2.000 aos 20.000 euros. No caso da liña para investimentos, o 51% dos beneficiarios/as son autónomos, seguidos por un 46,5% de microempresas cun máximo de dez traballadores; mentres que no apartado de actividades un 57% son microempresas e un 33% empresarios individuais.
O 65% das empresas beneficiarias das axudas PEL-Emprende 2019 están dirixidas por mulleres e céntranse sobre todo no sector terciario. Arredor dun 90% das empresas beneficiarias enmárcanse neste sector no que destacan as actividades relacionadas co comercio, o turismo, servizos tecnolóxicos, de saúde ou de educación.
Espazos de coworking
O 96% das empresas que reciben axudas do PEL-Emprende 2019 non foron beneficiarias da convocatoria anterior e preto do 15% son empresas creadas no último ano, polo que de novo a Deputación aposta por impulsar as iniciativas emprendedoras de recente creación. Na mesma liña, a administración provincial puxo en marcha a Rede Provincial de Espazos de Coworking, que xa conta cunha sede no Pazo de Arenaza (Oleiros) e inaugurará a vindeira semana un novo centro en Brión. Outros municipios da provincia coma Boiro, Carballo e Ames traballan tamén na posta en marcha dos seus centros desta rede PEL para emprededores.