Haberá outras 395 de promoción interna
A oferta de emprego público da Xunta para 2020 suma 2.585 prazas de acceso libre
A Oferta de Emprego Público da Administración Xeral da Xunta tamén oferta 395 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución. En total, a oferta na Administración Xeral ascende a 2.980 prazas.
A maiores, o decreto inclúe 3.419 prazas para a funcionarización do persoal laboral fixo, que dan continuidade ás máis de 1.400 prazas xa ofertadas nos dous últimos anos. Trátase dun proceso voluntario pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UGT. e moi demandado polo persoal laboral fixo da Xunta. A diferenza da promoción interna, estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permitirán modificar o réxime xurídico do traballador, que pasará de ser empregado laboral fixo a funcionario da Administración.
O aumento de prazas ofertadas ten a finalidade de garantir a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida opositar para traballar na Xunta, garantir o dereito á promoción profesional dos empregados públicos que xa traballan na Administración galega, e continuar co proceso de funcionarización do persoal laboral fixo.
O maior número de prazas de acceso libre concéntrase no eido social, o que permitirá reforzar o persoal que traballa principalmente en centros de política social. O decreto inclúe na escala de axentes técnicos facultativos, 539 prazas para a especialidade de xardín da infancia; na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, 476 prazas para a especialidade de persoal de limpeza e cociña; na escala de técnicos facultativos, 224 prazas para educadores; 173 prazas para a escala de persoal de servizos xerais (PSX); 151 para a escala de xerocultor/a e 25 prazas para a escala de auxiliar de coidadores.
A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e respectando a libre concorrencia.