Haberá outras 322 prazas para a promoción interna e 163 prazas de funcionarización
A nova OPE da Administración galega supera o milleiro de prazas de acceso libre
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a Oferta de Emprego Público da Administración Xeral da Xunta de Galicia para o ano 2021, que esgota a taxa de reposición marcada polo Estado e inclúe un total de 1.006 prazas de acceso libre.
A Oferta de Emprego Público da Administración galega tamén oferta 322 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución; e 163 prazas para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta. En total, a oferta na Administración Xeral ascende a 1.491 prazas.
O maior número de prazas de acceso libre concéntrase na escala de auxiliares de clínica con 140 prazas; na escala de axentes técnicos facultativos con 101 prazas na especialidade en xardín de infancia; ou na escala de técnicos facultativos con 28 prazas na especialidade de educadores ou 19 na especialidade de enfermaría. Tamén se inclúen 46 prazas para a escala de enxeñeiros técnicos; 45 prazas na escala de enxeñeiros; 34 para a escala de ciencias; ou 13 prazas para a escala de xerocultor. A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición.
En canto ao eido administrativo, destacan 77 prazas para o corpo superior (A1), 79 para o corpo de xestión (A2), 51 para o corpo administrativo (C1), 62 para o corpo auxiliar (C2) e 47 prazas para a agrupación profesional de persoal subalterno (AP). A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e respectando a libre concorrencia.