No Primeiro de Maio
Miles de galegos reclaman nas rúas un cambio de políticas
Miles de persoas saíron ás rúas das principais vilas galegas, convocadas polos principais sindicatos, para celebrar o Primeiro de Maio e reclamar un cambio de políticas ao futuro Goberno.
A CIG mobilizouse este Primeiro de Maio na Coruña baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas” para esixir ao novo Goberno "un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise, porque segue a medrar a precariedade e a pobreza laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega".
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na manifestación de Vigo, centrou a súa intervención na importancia da loita nas empresas e na rúa para lograr a recuperación dos nosos dereitos laborais e sociais e avanzar cara a unha Galiza con emprego, salarios e pensións dignas.
Incidiu en que a mobilización é o camiño para recuperar os dereitos laborais e sociais "para avanzar cara a unha Galiza con emprego, salarios e pensións dignas" e fixo fincapé na importancia da loita e o conflito “como factor chave para forzar un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise”. "Unha crise que continúa e que agora ameaza cunha nova recesión, e que está a consolidar a precariedade, a pobreza laboral, o empobrecemento xeneralizado, a perda de poder adquisitivo, a extensión dos baixos salarios, o aumento da exclusión social e as discriminacións de xénero”, sinalou Carril.
Manifestación conxunta de CCOO e UGT
Canto ás manifestacións convocadas conxuntamente pola UGT e CCOO, foron milleiros os que saíron á rúa nesta data para reclamar que “Primeiro as persoas” e a necesidade de que o novo Goberno acometa un cambio de políticas co obxecto de garantir máis dereitos, máis igualdade e máis cohesión.
Os secretarios xerais do S.N. de CCOO de Galicia e de UGT-Galicia, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, que participaron na manifestación da Coruña, consideran que chegou o momento de situar as persoas á cabeza de todo. "Foron moitos anos de crise nos que os traballadores e traballadoras deste país foron as grandes vítimas dunha situación que non xeraron, con recortes e perda continua de dereitos. Agora chegou o momento de esixir que se restitúan estes dereitos e que as persoas sexan o centro de todas as políticas", destacaron desde os dous sindicatos estatais.
"Chegou o momento de garantir o emprego de calidade e a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012, que tanto dano causaron. Urxe un modelo de relacións laborais máis democrático, moderno e eficiente que potencie a contratación indefinida e salarios dignos, o que esixe apostar polo diálogo social e devolverlle á negociación colectiva o seu papel central. Tamén hai que perseguir e sancionar todas a formas de precariedade e loitar contra a fraude nas plataformas dixitais, establecer un estatuto das prácticas non laborais, regular a subcontratación e duplicar a dotación para as políticas activas de emprego", reivindicaron CCOO e UGT.