A provincia de Pontevedra aglutina o 80% das unidaddes
Máis de 2.000 desempregados están a formarse nas unidades formativas na empresa
Máis de 2.000 persoas sen emprego están a recibir cualificación en 141 unidades formativas na empresa en toda Galicia, un programa da Xunta para dar resposta aos novos perfís profesionais.
Pontevedra é a provincia máis representada nesta iniciativa, con máis do 80% das unidades formativas.
Precisamente, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria visitou este luns unha destas iniciativas que vén de rematar en Mos, na compañía Rodavigo que ten entre os seus clientes as principais empresas tratoras da automoción ou do naval en Galicia e na que 9 desempregados formáronse en xestión comercial de vendas no sector industrial. O 100% dos participantes acadaron un posto de traballo.
O conselleiro, ademais, referiuse a unha segunda unidade que se está a realizar nesta localidade e que impulsa a Asociación de Empresarios de Mos nas firmas Mecoxi, Tormeal, Galmetec e Hergome. Neste caso, están recibindo formación outras dez persoas para poder traballar como operario programador en centros de mecanizado.
Conde destacou a colaboración da Administración local de Mos –Concello emprendedor- nestas dúas iniciativas centradas no ámbito das novas tecnoloxías para mellorar a planificación de operacións de venda a nivel internacional e para afondar en novas formas de mecanizado. O obxectivo, en palabras do conselleiro, é facilitar a inserción laboral dos alumnos e alumnas e por iso é un programa que ofrece especialidades cunha alta demanda laboral. De feito, as propias empresas que participan son as que escollen que materia queren impartir. É, polo tanto, un programa apegado á realidade das empresas, á realidade do mercado laboral e á realidade da nova economía dixital.
Dúas convocatorias
A Consellería de Economía, Emprego e Industria convocou este ano dúas edicións cun orzamento estimado de 9,5 millóns de euros para a formación de 5.000 profesionais ocupados e desempregados. Sete de cada dez unidades formativas están relacionadas co naval, a automoción e o sector TIC, tres sectores estratéxicos para Galicia.
Para Conde, este programa demostra que o tecido empresarial está implicado e comprometido co emprego cualificado e coa implantación da Industria 4.0, un feito que fixo posible, por exemplo, que Benteler escollera Mos para expandirse. “O esforzo entre o sector industrial galego é a mellor garantía de competitividade”, rematou.