Barómetro Galego de Equidade Laboral
Informe do Grupo Colmeiro conclúe un estancamento da equidade co inicio da recuperación económica
Vén de presentarse na Facultade de Relacións Laborais de Santiago de Compostela o Barómetro Galego de Equidade Laboral (EquiGal).
Fíxose nunha xornada conmemorativa do Día da Muller Traballadora coorganizada co Grupo Colmeiro e na que interviron a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, a decana da Facultade, Silvia Moscoso, o coordinador do Grupo Colmeiro, Luis Caramés,e a directora deste proxecto María Bastida.
A análise da evolución temporal do índice de equidade suxire que a medida que se recupera o emprego, o mercado laboral se converte en menos equitativo. Esta é unha das ideas recollidas en EquiGal, informe en cuxa elaboración tamén colaborou o catedrático da Facultade de Matemáticas Juan J. Nieto. Como explicou a profesora María Bastida, segundo o barómetro a situación máis equilibrada corresponde ás taxas de paro e asalarización, se ben a situación se equilibra nas de actividade, ocupación e temporalidade “aínda que con lixeiros desequilibrios a favor das taxas masculinas”.
Entre as súas conclusións, o informe específica que o comportamento dos índices presenta rixidez dende o ano 2010. Na evolución no período 2015-2016 apréciase unha lixeira melloría en actividade e ocupación e un leve empeoramento na equidade en indicadores de paro, temporalidade e parcialidade. A profesora Bastida tamén explica que mentres que no período 2010-2014 se avanza cara a equidade no mercado laboral, a partir deste último ano prodúcese un estancamento, coincidindo co inicio da recuperación económica. Unha posible explicación, “cando a situación dos homes é mala, coma a da crise ata 2014, hai máis equidade. Non obstante, cando mellora a situación, hai máis desequilibrio”, aclara a directora do proxecto. No caso específico de Galicia, este estudo sinala que a situación da muller é lixeiramente máis equitativa nesta comunidade en comparación co resto do estado.