En Portonovo o 26 de outubro e en Pontevedra o 2 de novembro
O Galp Ría de Pontevedra promove cursos de Whatsapp márketing
O curso de ‘WhatsApp Márketing para a venda de produtos e servizos nas prazas de abastos’ é unha formación teórica e práctica para sacarlle o máximo partido á plataforma WhatsApp e así aumentar as vendas de produtos e servizos.
O curso ten unha duración de dúas horas. O luns, 26 de outubro, a formación impartirase na Lonxa de Portonovo ás 17:00 horas e a última sesión será o luns, 2 de novembro, ás 16:30 horas na Asociación de Autónomos e Pequenas empresas de Galicia en Pontevedra. A formación en Marín e Bueu impartiuse xa o pasado luns, 19 de outubro.
O curso será impartido polo asesor e formador en márketing e tecnoloxía aplicada a empresas, Alberto Falcón. O docente conta con máis de 18 anos de experiencia en proxectos tecnolóxicos para empresas como KPMG, Tecnocom, Velneo ou PwC. Actualmente é director de márketing de LEMA e docente homologado pola Escuela de Organización Industrial (EOI). A actividade tamén contará coa presenza de “La Pescadería de mi Barrio” que explicará a súa experiencia e o resultado do seu éxito.
Esta actividade está financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca como actividade de dinamización do GALP Ría de Pontevedra.