Con tres cursos de fruticultura e viticultura
A Fundación Juana de Vega promove a capacitación do sector agroalimentario
A Fundación Juana de Vega organiza tres cursos de formación práctica en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo. Están vinculados á capacitación profesional para a promoción agroalimentaria e centrados en fruticultura e viticultura.
A Fundación Juana de Vega ofrece dous cursos de viticultura e enoloxía, un de carácter básico e outro avanzado. O curso básico, que ten un enfoque eminentemente práctico, permitirá a formación en todas as operacións que se desenvolven nun viñedo e nunha adega, desde a implantación ou mantemento da viña ata os procesos de elaboración de viño na adega. Realizarase o seguimento en finca de todo o ciclo vexetativo das variedades brancas e tintas e da elaboración e control de vinificación de viño branco e tinto na adega do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, onde se desenvolverán as clases, xunto con algunhas sesións na sede da Fundación en Oleiros.
A duración do curso será de 100 horas, a desenvolver en 23 sesións docentes entre os meses de febreiro e decembro. Entre as actividades programadas destacan a formación teórica sobre podas, sistemas de condución, labores, control de pragas, vinificación e bases teóricas da cata de viños, así como formación práctica en poda, enxerto, atado, vinificación, control en laboratorio do proceso de vinificación e cata. Ademais, inclúese a visita a un viñedo e unha adega nunha comarca vitivinícola galega. Ao final do curso, o alumnado estará capacitado para reproducir as prácticas agrícolas básicas no manexo dun viñedo durante un ciclo produtivo completo e terá coñecementos básicos sobre o proceso de vinificación e elaboración do viño.Respecto do curso avanzado de viticultura e enoloxía, está enfocado para que o alumnado realice todas as actividades necesarias, tanto no campo como na adega, para obter unha uva de calidade e a súa posterior transformación en viño de forma autónoma coa supervisión e control dun titor. Asesorados por un profesor especialista, cada grupo de dous alumnos encargarase das labores de control dunha fileira de cepas ata a súa madurez. A uva que se produza recollerase e o viño elaborarase segundo o criterio do grupo. Haberá tantas microvinificacións diferentes como grupos haxa no curso. O viño obtido será propiedade do alumno, reservando o centro 4 litros para a cata de fin de curso.
Ao final do curso, o alumnado terá acadado unha especialización práctica no cultivo da vide e no coñecemento das variedades de uva autóctonas e alóctonas máis interesantes. Ademais, contará cunha preparación técnica adecuada que permita a xestión do viñedo e terá un nivel de preparación suficiente para afrontar diferentes producións vitivinícolas e xestionar unha pequena adega a nivel técnico.
Para acceder a este curso é recomendable ter uns mínimos coñecementos para afrontar as diferentes actividades prácticas, que se deberán xustificar con titulacións como Ciclo Superior en Paisaxismo e medio rural, Ciclo Medio Aceites de oliva e viño, Ciclo Superior Vitivinicultura, Título en ramas universitarias agrarias ou curso de viticultura e enoloxía de nivel básico de edicións anteriores. A duración do curso será de 60 horas, a desenvolver entre febreiro e decembro, e tamén inclúe visita a una finca e a unha bodega de una comarca vitivinícola galega, desenvolvéndose en sesión de tarde nas aulas do Centro de Formación e Experimentación Agrícola de Guísamo e nas da Fundación Juana de Vega.
Curso de froiteiras
Finalmente, respecto do curso para á implantación e mantemento de fincas frutícolas, traballaranse ao longo de todo o ciclo vexetativo con froiteiras de pebida, especialmente maceiras de mesa e sidra. A parte final do curso estará dedicada á tecnoloxía de elaboración de zume de mazá e da sidra. O alumnado será capaz de realizar todas as operacións de xestión de explotacións froiteiras na zona atlántica, en especial das maceiras de mesa e da sidra e realizar as tarefas de conservación, elaboración e comercialización transformados de mazá: sidra, zumes e outros produtos.
Para a consecución dos obxectivos, a execución do curso será descontinua, abranguendo o período comprendido entre finais de febreiro e decembro para que as prácticas se realicen ao longo do ciclo vexetativo. Incluirase formación teórica e práctica sobre variedades, poda, sistemas de condución, prácticas culturais, sanidade vexetal, recollida e conservación e transformados a base de maza. O curso inclúe unha visita a unha explotación frutícola e tamén se desenvolverá en horario de tarde nos mesmos espazos que os demais cursos.
As persoas interesadas poderán obter información sobre a programación e inscribirse na web da Fundación Juana de Vega.