O proxecto xa conta con 100 empresas colaboradoras
Fundación CEOE, Cáritas e CEL presentan en Lugo o proxecto de inclusión laboral EmpleaLab
A presentación do proxecto EmpleaLab, que tivo lugar este xoves en Lugo, busca mellorar a empregabilidade de persoas vulnerables e facilitar ás empresas lucenses a cobertura dos seus postos de traballo vacantes.
O acto de presentación de EmpleaLab contou coas intervencións do secretario xeral da CEL, Jaime López; a directora de Cáritas Diocesana de Lugo, Amparo González Méndez; a coordinadora do Equipo de Programas Piloto de Cáritas Española, Beatriz Iraeta; o coordinador de Emprega Lab na Fundación CEOE, Miguel Ángel García e o relatorio especial de Carmen Lence, CEO de Grupo Lence.
EmpleaLab é un proxecto piloto colaborativo de inclusión co obxectivo de mellorar a empleabilidade de persoas vulnerables (beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital), a través da mellora das súas competencias básicas, transversais e dixitais para a procura de emprego e o mantemento deste. Ao mesmo tempo, a iniciativa busca facilitar ás empresas participantes a cobertura dos seus postos de traballo vacantes.
Preto de cincuenta persoas participaron na xornada, representantes de empresas de Lugo e de entidades como o Concello de Lugo, asistindo a alcaldesa, Lara Méndez e o concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto; a subdelegación do Goberno, representada pola súa titular Isabel Rodríguez; ou a Xunta de Galicia, representada polo xefe territorial de Economía, Industria e Innovación, Gustavo J. Casasola.
Cen empresas colaboradoras
A Fundación CEOE, en colaboración coa CEL está a realizar unha labor de prospección empresarial na provincia lucense, co obxectivo de conseguir acordos de colaboración con empresas, coñecer ofertas de emprego vacantes e realizar un diagnóstico das necesidades laborais reais que existen na provincia. Ata a data, máis de cen empresas de Lugo xa subscribiron o acordo de colaboración EmpleaLab. Todas elas poderán obter o selo de Inclusión Social, un distintivo público co que se recoñece ás empresas que desenvolven actuacións que contribúen ao tránsito das persoas beneficiarias do ingreso mínimo vital.
A posta en marcha de EmpleaLab conta cun forte compoñente de innovación social, xa que implica coñecer se a orientación, a formación e o acompañamento na procura de emprego inflúen na empleabilidade.
O proxecto, xestionado por Cáritas, está financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. EmpleaLab, ademais de en Lugo, está a desenvolverse noutras 10 provincias españolas: Albacete, Barcelona, Cuenca, Girona, Guadalajara, León, Menorca, Ourense, Valladolid e Zamora.