Contribúen a promover a investigación e a educación no sector agroalimentario e forestal
A Fundación Caixa Rural Galega convoca a 3ª edición de bolsas para estudos de posgrao
Un ano máis, a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas vén de convocar a terceira edición das súas bolsas para estudos de posgrao.
En concreto convócanse dúas bolsas, cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha, para o estudo dun máster nunha universidade de recoñecido prestixio nacional ou estranxeira.
A contía da bolsa poderá utilizarse para cubrir gastos de matrícula e aloxamento e o importe final dependerá da localización do centro no que se realicen os estudos e do custo do programa do máster.
Requisitos da convocatoria
Para poder optar a algunha das bolsas, os solicitantes deberán ter un título universitario e ter vinculación con Galicia, podendo ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade.
A selección realizarase en base a criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista, e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, creada en outubro de 2021, ten como obxectivo contribuír a promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal e con especial atención aos estudos superiores.
O prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de maio.