Máis de 9.300 mozos están inscritos no Programa de Garantía Xuvenil da Cámara coruñesa
A Feira de Emprego da Cámara en Carballo facilita a realización de 600 entrevistas
A XIII Feira de Emprego da Cámara de Comercio de A Coruña saldouse cunha participación de 120 mozos e mozas e 30 empresas con procesos de selección abertos. No transcurso da xornada realizáronse unhas 600 entrevistas de emprego que poderían dar como froito a incorporación ao mercado laboral de medio cento de participantes na feira.
No acto de inauguración da XIII Feira de Emprego participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a vicepresidenta da Cámara da Coruña, Luz Pardo.
Luz Pardo resaltou que “na actualidade, no Programa de Garantía Xuvenil temos inscritos, en expectativa de emprego, a 9.368 mozos, pertencentes os 39 municipios que conforman a demarcación cameral. Un dato que ven descendendo nestes últimos anos. A través do PICE, levamos impartido máis de 500 accións formativas e preto de 4.000 mozos formáronse connosco. Contamos, ademais, cun Viveiro de Empresas en Carballo desde hai máis de 15 anos que axudou a despegar a un importante número de iniciativas emprendedoras, achegándolles ese apoio tan necesario nas primeiras fases de consolidación e crecemento”.
Pola súa parte, Evencio Ferrero detacou “o potencial do Fórum Carballo como centro acolledor de novas iniciativas e actividades formativas. Porque a formación é a base, o camiño a seguir para atopar un emprego que realmente faga felices ás persoas. As trinta empresas que hoxe están aquí representadas ofrécenvos unha estupenda oportunidade para que poidades atopar o voso espazo laboral”.
Postos máis demandados
O que máis demandan as empresas da comarca de Bergantiños foi persoal do sector do medio ambiente, de tendas de alimentación e retail, axentes comerciais, enxeñería industrial, informática, telecomunicacións e electricidade. Tamén se necesitan perfís técnicos de FP como frigoristas, carpintería, albañilería, soldadura, técnicos de instalación de electricidade, electromecánica ou técnicos de xestión administrativa e persoal para hostalería, loxística e delineación, deseño industrial, entre outros.
En paralelo á realización de entrevistas, os asistentes á feira participaron en seminarios deseñados para axudarlles a mellorar a súa empregabilidade, dotándoos de ferramentas e dándolles consellos prácticos para participar en procesos de selección. Os mozos e mozas puideron coñecer o programa da Cámara, Somos FP Dual, co relatorio dun dos seus embaixadores.
Empresas participantes
As empresas que participaron nesta Feira de Emprego foron APECCO, Arce Clima, Areté Gestión de Personas, ASEB (Asociación de Empresarios de Bergondo), Carrefour, CIE Tecnología, Clece, Disashop, DomusVi, Eulen - Flexiplan, FUAC (Fundación Universidade da Coruña), Fundacion Equipo Humano, Gadisa, Genesal Energy, Gi Group, Grupo Aluman, Grupo Calvo, Grupo Externa, Grupo Gestán, Iman Temporing, MMypem by Voltam, Northius, Pacto, Repsol, Synergie, Teiga TMI, Temporing e Vegalsa-Eroski.