En colaboración co CIFP As Mercedes de Lugo
Unha empresa de Taboada (Lugo), a única en Galicia que impartirá a FP dual de Marketing e Publicidade
A empresa de Taboada (Lugo) será a única de Galicia que imparta este ciclo formativo de Grao Superior de Marketing e Publicidade na modalidade de Grupo Completo de Formación Profesional Dual, ofertando 14 prazas para futuros estudantes.
CM Stores & Innovative Bussines SLU inicia o ciclo na modalidade de Grupo Completo para os cursos 2021-2023, en colaboración co Centro Integrado de Formación Profesional das Mercedes en Lugo. Na oferta aparecen prazas para 14 alumnos que combinarán a formación curricular do centro educativo cunha perspectiva práctica e remunerada no seo da empresa asentada en Taboada. Trátase dunha aposta de futuro dunha compañía dedicada á execución de proxectos de comercio electrónico. O seu proxecto non deixa de crecer con novas páxinas webs e innovacións na experiencia de venda, fundamentos desta empresa dixital galega. Con afianzamento e forte implantación, esta iniciativa de formación de profesionais cualificados tentará que os seus futuros proxectos sexan todo o fortes para poder competir en mercados hiperespecializados, como son o estadounidense ou o chinés. O seu obxectivo é ser unha referencia do comercio electrónico en España e en Europa. Entre as súas apostas está o fortalecemento dos seus departamentos que se encontran en continua evolución na súa dedicación ao márketing e a publicidade.
Por esta razón a formación dentro da empresa e a posibilidade de contar con alumnos aos que poder formar para a obtención dun traballo futuro é unha cousa á que lle dan unha gran importancia, sen renunciar a levalo a cabo dende a súa localidade de Taboada, un pequeno concello da provincia de Lugo. A posibilidade de reservar praza e matrícula neste ciclo formativo que se impartirá conxuntamente co CIFP As Mercedes comeza o 25 de xuño e remata o 2 de xullo. Os alumnos admitidos e matriculados poderán compaxinar a súa formación con prácticas remuneradas na empresa a partir deste curso nun proxecto inicial que abrangue dous anos completos.