As solicitudes ata o próximo 26 de xaneiro
Emprego abre unha nova convocatoria para acreditar a experiencia profesional en 10 cualificacións distintas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar a décima edición do procedemento para acreditar a experiencia profesional cun total de 2067 prazas en 10 cualificacións.
Entre as novidades desta convocatoria inclúese a acreditación en confección e mantemento de artes e aparellos (redeiras). Ademais, as persoas interesadas poderán acreditarse en atención sociosanitaria a persoas no domicilio; en institucións sociais; servizos para o control de pragas; xestión de servizos para o control de organismos nocivos; socorrismo en espazos acuáticos naturais; en instalacións acuáticas; extinción de incendios e salvamento; tanatopraxia; e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural.
Os interesados en anotarse a este procedemento terán de prazo para inscribirse ata o próximo 26 de xaneiro podendo consultar toda a información necesaria na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no portal de Emprego.
As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para poder desempeñalas a posesión dun título ou certificado de profesionalidade, que acredite a súa experiencia profesional.
Estas acreditacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria teñen carácter oficial e validez nacional, polo que as persoas que obteñan estes recoñecementos poden facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais que recoñecen as capacidades adquiridas durante anos de experiencia profesional. O obxectivo é facilitar aos galegos e galegas que poidan progresar na súa carreira profesional e permitir ás empresas optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén publicando este procedemento desde o ano 2011. Ata a data, un total de 11.417 galegos e galegas acadaron unha acreditación oficial da súa experiencia profesional.