A empresa adebeda a nómina de novembro, a paga extra de Nadal e horas extraordinarias desde xuño
Dous días de folga en EMESA para esixir o pago de salarios adebedados
A primeira das dúas xornadas de folga convocadas na empresa coruñesa Elaborados Metálicos EMESA para esixir o abono dos salarios adebedados rexistrou un seguimento do 100%, segundo informou a CIG.
As instalacións de EMESA no polígono coruñés de Coirós amencían este mércores coas portas pechadas, a actividade totalmente paralizada e cos traballadores concentrados diante da fábrica para esixir ao Grupo Soil -ao que pertence a compañía- "que proceda ao pago inmediato da nómina de novembro, da paga extra de Nadal e das horas extraordinarias que o persoal de montaxe ten pendente de cobrar dende o mes de xuño", sinalaron nun comunicado o comité de empresa.
O comité critica que malia o éxito da folga, a empresa nin efectivizou o pago dos salarios nin se puxo en contacto coa representación social para informar de cando vai pagar. "Os ánimos do persoal están exaltados ante tanto incumprimento e por iso mañá (por este xoves 20), volveremos ir á folga e concentrarémonos outra vez diante da fábrica", advertiu Alberto Muíño, presidente do comité.
Muíño critica tamén que por parte do Grupo Soil non se ofrecen garantías sobre a actividade de EMESA "e cada vez que preguntamos pola situación da fábrica, a empresa négase a presentarnos un plan de futuro, o que resulta chocante tendo en conta que hai unha carteira de pedidos por valor de 35 millóns de euros".
De non producirse o pago dos salarios de inmediato, o comité estudará este xoves novas medidas de presión, non descartando a convocatoria de máis xornadas de folga.