O obxectivo é aumentar a súa empregabilidade

Dez mil galegas do rural serán destinatarias dun novo programa de capacitación dixital e emprendemento

A Xunta de Galicia ofrecerá un novo programa para a capacitación dixital e para o emprendemento de mulleres, preferentemente desocupadas e residentes en municipios con menos de 30.000 habitantes.
Dez mil galegas do rural serán destinatarias dun novo programa de capacitación dixital e emprendemento
20190805_negociodigital
A Xunta prevé que un total de 10.034 mulleres poidan ver melloradas as súas competencias dixitais e para o emprendemento.

O Consello da Xunta deu este xoves o visto e prace á licitación do servizo, que proximamente se publicará na plataforma Contratos de Galicia, para que as entidades interesadas en impartir a formación poidan presentar a súa candidatura. O programa, de nova creación, conta cun investimento inicial previsto de 5,2 millóns de euros, financiados con fondos europeos para a recuperación.

Está dirixido con prioridade a mulleres desempregadas e con residencia en contornas rurais, en concreto en municipios con menos de 30.000 habitantes. Tamén as mulleres traballadoras ocupadas poderán acceder a esta cualificación, sempre que estean inscritas como demandantes dunha mellora de emprego e as prazas non se cubran coas primeiras.

A Xunta prevé que un total de 10.034 mulleres poidan ver melloradas as súas competencias dixitais e para o emprendemento coa seguinte distribución por provincias: 4.014 na Coruña, 903 en Lugo, 1.103 en Ourense e 4.014 en Pontevedra. O obxectivo último da iniciativa consiste en mellorar a cualificación das persoas participantes no programa, ofrecer maiores oportunidades de inserción ás mulleres das contornas rurais e favorecer o seu emprendemento, sen que a fenda dixital supoña limitación ningunha.

As accións formativas distribuiranse nun total de 45 horas en modalidade presencial ou aula virtual, a través do Campus de Formación para o Emprego do Goberno galego. Incluirán módulos de competencias dixitais básicas e avanzadas, e dirixidas especialmente ao emprendemento; así como 5 horas de formación transversal en materia de igualdade.

Plan emprega muller

O novo programa insírese no Plan emprega muller que a Xunta está a desenvolver este ano cun orzamento de 34,3 millóns de euros. Nel inclúense apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional das mulleres galegas, en que se presta especial atención á formación en sectores con subrepresentación feminina.

Entre as novidades, inclúe programas integrados de emprego exclusivos para mulleres, que se prevé que cheguen a máis de 1.000 beneficiarias; unidades formativas en empresas para financiar a cualificación dunhas 1.200 traballadoras en activo e incentivando a contratación; o Muller 22, unha aposta para incorporar 1.000 mulleres ao mercado laboral con incentivos ás empresas, ou o programa remuda xeracional con apoios para que sexan traballadoras as que se incorporen aos cadros de persoal de persoas próximas á xubilación

Dez mil galegas do rural serán destinatarias dun novo programa de capacitación dixital e emprendemento