Novo programa de fomento da empregabilidade
A Deputación pontevedresa aproba as bases de "O teu primeiro emprego"
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa de fomento da empregabilidade “O teu primeiro emprego” en empresas e corporacións sectoriais e, tamén, en organizacións non gobernamentais, asociacións sen ánimo de lucro prestatarias de servizos sociais.
Este programa virá a substituír desde o próximo mes de xullo ao antigo Plan de Práctica Laboral nas empresas, nos concellos e na propia institución provincial.
Neste eido, o obxecto destas bases é regular as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en concorrencia competitiva, para a selección de empresas e corporacións sectoriais e de organizacións non gobernamentais da provincia de Pontevedra como entidades colaboradoras, e a determinación das titulacións dos postos de traballo que se van desempeñar baixo a modalidade de contrato en prácticas. Amais, posteriormente haberá unha segunda fase de selección das persoas beneficiarias destas contratacións en prácticas conforme as bases reguladoras.
Máis polo miúdo, no que respecta a empresas e corporacións sectoriais, serán un total de 250 contratacións en prácticas que se distribúen en dous grupos: 150 contratacións en prácticas para persoas tituladas universitarias e 100 para persoas tituladas en ciclos superiores de formación profesional. O crédito destinado a este programa ascende a 2.940.000 euros.En canto a organizacións non gobernamentais, asociacións sen ánimo de lucro que desenvolvan programas ou sexan titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais, van ser 40 contratacións en prácticas tamén distribuídas en dous grupos: 25 para persoas tituladas universitarias e 15 para persoas tituladas en ciclos superiores de FP. Neste caso, o crédito ascende a case medio millón de euros, en concreto 471.000 euros.
Tal e como explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “os contratos en prácticas serán subvencionados por un período de seis meses, prorrogables a outros seis suxeitos a dispoñibilidade orzamentaria”. Ademais, os contratos serán subvencionados de maneira que a Deputación aporta o equivalente ao salario mínimo interprofesional e as entidades colaboradoras deberán complementar a cantidade que sexa necesaria ata acadar os salarios que correspondan segundo a categoría profesional asignada polo Convenio colectivo aplicable ou, de non existir esta, categoría equivalente asumindo o custo total da seguridade social e demais conceptos salariais que poidan derivarse da relación contractual de cada persoa traballadora en prácticas.
Catro programas
“O teu primeiro emprego” está estruturado en catro programas independentes que son: O teu primeiro emprego na Deputación Provincial de Pontevedra, o teu primeiro emprego nos concellos (de menos de 50.000 habitantes), o teu primeiro emprego nas empresas e corporacións sectoriais, e o teu primeiro emprego en organizacións non gobernamentais.