No seu novo plan de formación e emprego
A Deputación de Pontevedra substituirá bolsas por contratos
"O teu primeiro emprego” é o novo programa de fomento para a formación e o emprego para a mocidade que a Deputación de Pontevedra porá en marcha a partir do mes de xullo en substitución do Plan de Práctica Laboral.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, detallou este venres as características de "O teu primeiro emprego" que “suporá un cambio rotundo de modelo en consonancia co “Plan Director por un Trabajo Digno 2018-2020”, aprobado no mes de xullo de 2018 polo Goberno de España para propiciar formación e empregos dignos, un Plan Director co que estamos en total sintonía”.
Segundo explicou Silva, “terá como principal novidade que as mozas e mozos da provincia poderán optar a un sistema de contratos en prácticas, con máis garantías, duración e mellores salarios, abandonando o plan de bolsas que o PP ideou e implantou na Deputación de Pontevedra”. A presidenta sinalou que o novo modelo para o fomento do emprego foi xa explicado ao empresariado da provincia de Pontevedra en decembro.
“Falamos de contratos con máis garantías e mellores salarios, con máis beneficios para a mocidade xa que as súas prácticas computan como experiencia profesional e figuran na vida laboral”, destacou Silva. En canto aos salarios, a presidenta explicou que as persoas beneficiarias percibirán o 60% do salario segundo o convenio colectivo de cada sector. “Mentres agora as persoas beneficiarias do Plan de Práctica Laboral reciben entre 740 e 840 euros, a partir de xullo e co novo modelo que estamos a impulsar todos e todas superarán esas cantidades”, informou.
Prórroga do plan anterior
O vixente Plan de Práctica Laboral manterase ata xuño de 2019 para dar cumprimento ás bases da convocatoria que detallan que as bolsas poderán prorrogarse ata seis meses máis. Así, a presidenta da Deputación explicou que “na última Xunta de Goberno decidimos amplialo un mes, para que o servizo de Emprego tivese avaliado o novo modelo e queríamos ser prudentes. Se non o facíamos así todas as bolseiras e bolseiros se tiñan que ir para as súas casas. Agora, unha vez avaliado o novo programa, e cumprindo as bases pechamos o que xa estaba previsto, a prórroga ata xuño”.
A presidenta da Deputación pontevedresa recordou que as institucións provinciais non teñen competencias en materia de emprego, “pero nós facémolo porque sabemos que hai un serio problema, sobre todo para a mocidade”. Neste eido, Carmela Silva recordou que “como vén recoñecendo o propio Ministerio de Facenda, somos a administración de todo o Estado que máis inviste en emprego, pese a non ter esas competencias. De feito, en tres anos destinamos ao fomento do emprego e á formación máis de 51,5 millóns de euros”.