Na primeira semana de posta en marcha xa se realizaron 43 asesoramentos a empresas
A Deputación de Pontevedra reformula o SmartPeme para priorizar asesoramentos e obradoiros online
Na primeira semana en marcha a Deputación de Pontevedra xa realizou un total de 43 asesoramentos telemáticos prestados a un total de 40 empresas, das cales tres nunca empregaran o servizo de SmartPeme con anterioridade. Amáis, todos os ocos están completos para o primeiro obradoiro en liña; de feito, a alta demanda provocou que houbese que crear unha lista de agarda.
O plan de acción SmartPeme baséase en catro eixes, tendo sempre en conta que as medidas poden variar en función da evolución da situación e das decisións que tome o Comité de Seguimento da institución provincial. O primeiro é o reforzo ao asesoramento electrónico e telefónico sobre temáticas que afectan as pequenas e medianas empresas e as persoas traballadoras por conta propia ante o coronavirus: as ferramentas de teletraballo, os servizos na nube, o servizo WhatsApp Business, as redes sociais para empresas, o márketing dixital, o comercio electrónico e as plataformas en liña de traballo en equipo, entre outras.
Obradoiros online
Ante o suspenso das actividades formativas presenciais, a Deputación de Pontevedra desenvolve unha serie de obradoiros que se imparten en liña empregando ferramentas telemáticas. As accións formativas, que contan con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, deseño gráfico, servizos na nube, ferramentas de traballo en equipo, ferramentas de xestión de tarefas, creación de contidos web ou posicionamento en liña. Tamén se aproveitan as circunstancias para revisar os contidos da carteira xeral de obradoiros, para crear novos itinerarios (enfocados principalmente ao comercio e ao sector terciario) e para organizar as actividades que se porán en marcha unha vez se recupere a actividade habitual.
Os cursos en liña programados para esta semana son os seguintes: Como Mellorar o Footer da túa Web, o martes 24; Márketing de Contidos: Aprende a Diferenciarte da Competencia", o mércores 25; Aspectos Legais que toda Páxina Web Debe Ter, o xoves 26; e Promove a túa Empresa a través das Stories de Instagram, o venres 27. Todos eles impartiranse de 12:00 a 13:00 horas, agás o curso do xoves, que se impartirá de 18:00 a 19:00 horas. Para inscribirse só cómpre contactar a través das canles habituais.
En último lugar, a Deputación pontevedresa está a efectuar unha ampla difusión do plan de acción de SmartPeme, co se busca aumentar número de empresas asesoradas. Ademais, publícanse contidos na páxina web de "SmartPeme" relacionados coas ferramentas que facilitan o teletraballo e ofrécese axuda para instalalas.